Opinión

Cuarto interior

As lectoras gozamos dun gran privilexio. Non só polo feito implícito de estar alfabetizadas e saber ler, que tamén, senón por experimentar a sensación única que comporta o diálogo silencioso que mantemos coa voz que narra. Esa conversa mental con alguén invisible e inmortal que vai facendo resoar na nosa mente a historia dunha pequena Liliput, dunha illa do tesouro ou dunha habitación propia é, efectivamente, un privilexio, unha regalía particular que, porén, non recoñecemos como tal porque damos por feito que sempre foi así.

Irene Vallejo é unha desas voces silenciosas, e vén de tomarse a molestia de poñer nome ao universo que se crea con ese diálogo silencioso que é a lectura. A autora de O infinito nun xunco descríbeo como “un cuarto interior onde che falan persoas ausentes”, un habitáculo empoderador que nos mantén á marxe do mundo exterior, pero onde nós mesmas escollemos estar. Explica que, nos inicios da escrita, nun mundo sen imprentas, con papiros e escribas, ler en voz alta era a norma, como se os libros fosen unha partitura musical para ser transmitidos ao resto. O cuarto interior do que hoxe gozamos é pura liberdade ou, como ela mesma o interpreta, “unha conquista do pensamento independente fronte ao pensamento tutelado”.

Ler a Irene Vallejo é constatar que lemos libros sen ter nin idea de apaixonante historia que os propios libros agochan, e de todo o que iso nos oculta sobre nós mesmas. Se algo está a esnaquizar este mundo da economía da atención é o cuarto interior que todas merecemos, ese que tanto tempo levamos dicindo que merecemos.

Comentarios