Opinión

Contar o que pasa

Cando Anna Politkovskaya escribiu sobre as prácticas de Putin e a súa Administración sabía moi ben o que facía. Non estaba tola nin era unha valente, non buscaba notoriedade nin recoñecementos; a xornalista puxo en perigo a súa vida e a de todas as persoas que lle proporcionaban información para cumprir coa tarefa principal de calquera que se considere xornalista: contar o que está pasando.

En poucos anos, Politkovskaya escribiu sobre as execucións sumarias a disidentes de Putin, do control dos medios de comunicación e das atrocidades que o exército ruso estaba a cometer en Chechenia co argumento dunha operación antiterrorista. Contou, por exemplo, como a agresión sexual era utilizada como arma de guerra contra as mulleres chechenas que, despois de seren violadas polos militares, sufrían o rexeitamento e a violencia da súa familia. Foron dez anos dunha das guerras máis silenciadas da nosa historia recente, aos que a xornalista non puido sobrevivir.
En 2006, cando foi asasinada a tiros no ascensor da súa casa en Moscova –o mesmo día do aniversario de Putin–, o escritor Josep Ramoneda recuperou os tres motivos polos que ela rexeitaba ao presidente ruso: o racismo, a xustiza sumaria e a antirreconciliación, un triángulo que resume moi ben a teima de Putin por manter de forma cíclica o conflito continuo, o odio a un pobo e a eliminación de todo aquel que se opuxera ás súas prácticas. Ramoneda advertía que a única hipótese verosímil para explicar o asasinato da xornalista era o desquite da administración rusa ou de alguén contaminado pola súa propaganda; quería contar, antes de que a morte de Politkovskaya fose enterrada, que aquelo fora outra execución sumaria.

O triángulo que trazou Anna Politkovskaya nos seus libros e artigos axúdanos a entender moitas cousas da actual invasión de Putin en Ucraína. O seu exemplo motiva tamén a moitas xornalistas que se desprazaron ás trincheiras e fronteiras para contarnos a guerra, aínda que a chegada incesante de información e, sobre todo, os seus debates satélite nos intoxiquen. "O importante é a información, non a opinión que se ten sobre ela", afirmaba a xornalista. A Rusia de Putin, un dos libros de maior éxito da xornalista, aparece como descatalogado. Pode atoparse en Internet, de segunda man, polo módico prezo de 190 ou ata 249 euros. Contar o que pasa continúa a saír moi caro.

Comentarios