sábado 23/01/21

'Coñocemento'

Son da Coruña e hoxe fago 30 anos. Iso quere dicir, entre outras moitas cousas que non veñen a conto, que son a filla perfecta da diglosia. Son desas que chaman a atención de certa xente porque falo galego na casa, pero que non pasa nada, porque cambio rapidamente ao castelán se hai unha soa persoa presente que o fala. Desas que chían habitualmente en español “para que o entenda todo o mundo” e que de adolescente aceptaba o rol de rapaza de provincias e falaba na lingua de Cervantes con colegas da aldea. Si, desas.

Sei o que é recibir burlas, desprezos e mesmo maltrato por dicir suxo no canto de sucio e verme no canto de gusano. E iso permitíase na escola. Na pública, si. Porque eu estudei Coñocemento do Medio. Si, coñocemento. Así pronunciaba a profesora valisoletana de quinto e sexto de primaria, con máis de media vida en Galicia, o nome da materia das chairas, os carballos, os arroaces e os refugallos. E impartía absolutamente todas as clases en lingua castelá, incluída Lingua Galega, porque ninguén a obrigara nunca a utilizar a fala de Rosalía e de Castelao. Castellao, dicía tamén, penso que xa a un nivel de provocación que de nena non souben detectar como agora.

Con 14 emigrei e con 23, xa de volta, fixen o curso do Celga 4. As compañeiras vascas que trataban de obter a titulación clamaban ao ceo polo difícil que era atopar alguén na Coruña con quen falar galego. Por iso eu, filla da diglosia, non admito que ninguén pretenda seguir a minorizar a lingua no nome dunha liberdade que é, na práctica, unha represión. O coñocemento, lembren, non ocupa lugar.

comentarios