Opinión

Comeza o espectáculo

Catar é un escenario de progreso nunha burbulla de cristal. Cara a dentro as luces brillan e os edificios tocan o vértice isósceles do futuro que debe ser, como din en alta voz dende cadeiras de poder económico. Cara a fóra, as cousas cambian: nun censo de poboación de 2,6 millóns de persoas, só 250.000 contan con cidadanía catarí. Menos do 10%. O 90% restante son persoas estranxeiras que posibilitan todos os servizos necesarios para que o espectáculo poida continuar. As vergoñas de Catar permanecen esmagadas baixo as táboas: 6.500 traballadores falecidos nas obras do Mundial, segundo The Guardian. No mesmo sistema que, por presión dunha comunidade internacional cos ollos e as billeteiras no Mundial de Fútbol 2022, se lexislou contra a escravitude da kafala hai seis anos, continúan prohibidos os sindicatos.

Cando o grande espectáculo está a piques de comezar, a crítica aumenta, grandes estrelas da música rexeitan actuar e eles insisten nun presunto esforzo polo avance social mentres frean calquera crítica pola falta de dereitos humanos baixo o manto de abundancia de gas e petrodólares. "LGTBI, la fiesta, la mujer... Qatar va a sorprender a todo el mundo", titula As unha entrevista ao director de Relacións Institucionais do Mundial. Unha muller que inaugura, outra que canta, unha directora de comunicación. E entón, os mesmos que avogan polo progreso dentro das súas fronteiras mentres negocian cun emirato que aplica a lei islámica ás mulleres por adulterio, ata cando son violadas, respiran aliviados. Se non se preocuparon pola igualdade nos seus propios clubs ata que foi imperativo social, por isto, menos.

O que pasa en Catar non é novo, pero a FIFA encargouse dende ben cedo de tapar os escándalos propios e alleos, denuncias de corrupción incluídas, para poñer a salvo o seu gran teatro dos soños; dos seus, pero capaz de facer soñar a boa parte da poboación mundial con algo que nunca vai ser. A estratexia funciona: cantas persoas sucumben á modernidade dos escaparates e ás mulleres que conducen e estudan na universidade? Cantas volveron de Doha contando marabillas dun show de Truman en constante fabricación para turistas de pel branca? Cantas verán cada partido, resumo, minuto e resultado do Mundial? Canto nos gustaría unha rebelión á que xa chegamos tarde. Se non cantan Shakira, Rod Stewart ou Dua Lipa, cantará Maluma. Comeza o espectáculo.

Comentarios