Opinión

Cloacas

A primeira vez que saín á rúa cun micrófono nas mans botei dúas horas na porta dun centro comercial sen atreverme a preguntarlle á xente como fora o primeiro día de rebaixas. Ese, e non outro, era o meu cometido do día, a proba sinxela para unha estudante de xornalismo en prácticas que aspiraba a ser unha daquelas voces que espertaban a poboación coa previsión do tempo e os titulares do día. Algunhas persoas fuxían espavorecidas ao ver o micro, outras engurraban o nariz, outras dicíanche que non, que o sentían, e outras que tiñan présa. Pensei como se debían sentir todas esas comerciais de oenegués que traballan a pé de asfalto ou, peor aínda, a porta fría, en todas as veces que prendera a radio na miña vida e o doado que parecía; que quizais eu non valía para iso, que onde me metera. Con catro testemuños nada brillantes, ben presentes as voces de fastío de quen acaba de ser molestado nos seus quefaceres, volvín á redacción e levei a miña primeira reprimenda. "Así non se pode traballar".

Como todas as que pasamos por este deostado oficio, tiven que aprender que abordar a xente para facer unha pregunta, sabendo que, de entrada, a resposta vai ser non, é parte indispensable do choio. Máis adiante aprendería que o caderno está ben, pero mirar aos ollos mentres che falan está mellor; que calquera, en xeral, dirá que somos uns mentireiros, mesmo se a declaración é súa; que hai que levantar o teléfono sen pensalo moito cando a intuición aperta e que o que di unha fonte sempre hai que contrastalo con outra. O bo que teñen os retos é que, despois dos abafos e os afogos, nos permiten traballar para ser mellores. Ou, polo menos, intentalo.

Unha das maiores leccións que nos dá o xornalismo é que pasamos de querer parecernos aos grandes referentes xornalísticos a desexar ser tan bos como alguén con quen compartimos redacción. Non fai falla ser a voz das mañás nin a sinatura máis lida do xornal porque detrás de moitos dos titulares que traspasan os muros dos grandes medios hai un xornalista local que chegou primeiro ou que o publicou vinte veces. Eses nunca manipulan unhas declaracións nin moito menos coleguean coa corrupción policial porque as únicas cloacas que lles interesan son as da rede subterránea do lugar, esas que fan eco baixo as pisadas das que saen a protestar á rúa ou a mercar nas rebaixas e garanten que a merda permaneza onde corresponde.

Comentarios