Opinión

Trabaca… que?

Hai persoas que teñen a mestría de crear eufemismos para tapar a explotación laboral –ou a miseria cool, como xa o teño bautizado anteriormente nestas mesmas páxinas. Despois dos minijobs, do coworking ou do salario emocional (porque seica podemos alimentarnos da enerxía positiva que lle poñemos á máquina de producir que hai en nós), hoxe os titulares esfameados de clics deléitannos de coa moda das "trabacacións". O oxímoro deixa de ser figura literaria para se converter nun insulto á intelixencia de todas as que sufrimos os efectos colaterais do teletraballo na nosa vida persoal e, o que é máis importante, na nosa saúde mental. O termo "trabacacións", coa súa etiqueta moderna e chea de brillibrilli, envíanos a mensaxe implícita de que, se está de moda combinar o lecer co traballo a distancia, o que non está de moda son as vacacións. Nin o descanso nin a conciliación nin a desconexión dixital nin nada que nos achegue un milímetro a todo o relacionado coa vida.

A vida non é o salario a fin de mes, por moi perfectamente que saibamos da importancia que ten esa inxección de liquidez no noso día a día. A vida comeza, máis ben, co ruído seco do móbil ao pousalo enriba da mesa coa pantalla para abaixo ou a tapa do ordenador portátil cando o pregamos. Os dereitos laborais, tan difíciles de conquistar como fáciles de perder, non deixan de ser unha manobra de autosalvación para volver á vida. E eu, con máis gana de vivir que nunca, unha das cousas que aprendín nesta pandemia é facerme a parva cando me toman por parva: "trabaca… que?". 

Comentarios