Opinión

O simple

En todas as protestas hai sempre unha frase que queda como consigna. Ese conxunto de letras, capaz de resumir en poucas liñas un sentir común, é xustamente así, breve, conciso, porque é o xeito de expresar o máis nitidamente posible o pulso dun sentimento colectivo. Non é un paradoxo. Nun mundo complexo, ateigado de tantas palabras, epítetas e contraditorias, o que nos une é o simple. Nas concentracións polo asasinato homófobo de Samuel na Coruña, os cartaces amosaron consigna de consenso: “O que te chaman mentres te matan, importa”.

Antes de matalo, a Samuel chamárono maricón. Hoxe, catro días despois, a policía non confirma que se tratase dun crime homófobo. Si o consideran así moitas xornalistas, especialmente locais que, tras escoitar o testemuño do contorno máis próximo do mozo, despexaron todas as dúbidas. O primeiro paso, como bo síntoma de profesionalidade, foi dubidar, contrastar, confirmar. Aínda que algunhas persoas, inevitablemente sumidas na cultura da inmediatez e do trending topic, non o entenderon, foi só cuestión de horas.

Nada é casualidade. Tras un asasinato machista no que ninguén é quen de confirmar se a parella tiña problemas, o caso déixase demasiadas veces en “inexplicable”. Como se arrebatarlle a vida a unha persoa que quere vivir non fose motivo abondo para probar a existencia dalgún tipo de odio. Como se as miles de mulleres asasinadas que non se contabilizan como vítimas de violencia de xénero non o fosen. Como se chamar maricón a alguén que ten unha orientación sexual determinada fose algo casual. Sempre hai 

certezas no simple.

Comentarios