Opinión

Ciencia

Fálase moito estes días da estupidez humana. Co gallo da manifestación do domingo en Madrid, as redes e os medios cargaron contra as participantes calificándoas de ineptas, de extrema dereita ou de freaks. Entre a indignación e o cachondeo, a superioridade moral lévanos a criticar con burla e simplificación ou, o que é o mesmo, sendo humanamente estúpidas.

Na protesta había negacionistas do virus, antivacinas, xente de Vox e tamén moitas persoas que non comprenden por que o uso da máscara é obrigatorio e antes só recomendable. Había xente farta de contradicións e turistas alemáns chegando en maio, entre aplausos, a Mallorca. Do negocio das farmacéuticas arredor dunha vacina. Posiblemente equivocáronse asistindo a unha manifestación orquestrada por colectivos de vendefumes. Mais iso non as fai máis estúpidas nin a nós, que as miramos coa man na fronte, máis intelixentes.

Explicouno a doutora Iria Veiga nestas páxinas no mes de abril: "Conforme se obteñen datos novos o consenso científico sobre un tema pode e debe cambiar, porque non se trata de crenzas nin de fe". A ciencia non é unha relixión e debe mudar de opinión. A ciencia evoluciona, os dogmas non. E a poboación, tan dada a buscar verdades absolutas na rede infoxicada, non o sabe.

Non facemos pedagoxía coa ciencia e pretendemos que todo o mundo crea nela. Non explicamos con orgullo como traballan as investigadoras, que se fai nun laboratorio, cantas hipóteses acaban en revolución e cantas nun caixón. A experiencia das profesionais que están a combater o virus debería ser suficiente. Mais a ciencia continúa sen ter o lugar que merece.

Comentarios