Opinión

"Las chicas están bien"

A violencia de xénero ten un silenciador que se activa canto máis vulnerable é unha vítima. Nunca é necesario ir moi atrás no tempo para atopar información sobre algún feminicidio próximo ou, máis facilmente, sobre algunha muller que "morre" ou "aparece morta". A imaxe de Mila camiñando en pixama baixo a chuvia pola autovía é moi difícil de borrar. Abonda con ler a descrición que ofreceron os medios de comunicación para saber que ningunha muller nunha situación de normalidade camiña soa, mollada e con roupa de durmir por unha estrada: Mila entrara pouco antes en dúas cafetarías do Carballiño para pedir axuda dicindo que a ían matar e rexeitou que os seus responsables chamasen á Garda Civil.

Todo isto non foi suficiente para que os axentes que a atoparon activasen o protocolo de protección Viogen. Tampouco que as sanitarias que a atenderon no centro de saúde escribisen que tiveron que calmala porque estaba "moi nerviosa". Os axentes consideraron que o testemuño de Mila era "contraditorio". Horas máis tarde, "apareceu morta" nun colector do lixo do punto limpo da localidade ourensá. Catro días despois, os investigadores descartaron o crime e introduciron o brote psicótico como posible causa que tería levado a Mila a meterse por si mesma no contedor. Agora a Garda Civil investiga se os axentes cometeron unha falta disciplinaria.

Mila podemos ser todas, mais ela vivía nun ambiente de especial vulnerabilidade. Chegara do Brasil poucos anos atrás e traballaba como camareira nun prostíbulo, onde formaba parte do círculo familiar do propietario, un delincuente confeso dedicado á trata de mulleres a nivel internacional. Hai seis anos, el librouse dos nove anos de prisión por trata que lle solicitaba a Fiscalía en Pontevedra a cambio de "non volver delinquir", pero os seus tres negocios de explotación sexual de mulleres en Ourense e Pontevedra continúan en pé, coa naturalidade propia da que gozan este tipo de establecementos. Mentres a familia de Mila e os colectivos feministas piden respostas, o asunto podería quedar enterrado baixo un suposto trastorno mental no que, como xa é costume, tampouco se afonda. Así é como sempre nos pasa por alto a eterna impunidade da que gozan os proxenetas. Lembro nitidamente a frase que lle escoitei a un policía en referencia ás súas visitas rutineiras aos prostíbulos. "Las chicas están bien. Ellas mismas dicen que las tratan muy bien".

Comentarios