mércores 27/10/21

Carne e Alma

Pasaron case dous anos dende aquel artigo que negaba que unha persoa puidese cambiar de sexo. Con palabras nugallás e paternalistas ao mesmo tempo, o texto impoñía a imposibilidade de que unha persoa poida chegar a pertencer a un sexo distinto ao bioloxicamente asignado ao nacer, e reducía o conflito de identidade de xénero das criaturas a unha posible homosexualidade ou, simplemente, a un impulso pasaxeiro. Cualificaba tamén algunhas opcións actuais de transición de cousas do demo, sen mencionar en ningún momento –aínda que isto, por desgraza, nunca é nada novo– a desatención da saúde mental das persoas menores que sofren ao sentir que habitan un corpo equivocado.

O grave é que o contido daquel artigo infame, que correu como a pólvora polas redes en forma de polémica opinión, vén de converterse hoxe nun debate que cabrea e divide colectivos que precisan dialogar, amarrar sinerxías e permanecer unidos, como minorías minorizadas que son. Que somos. A contorna da Lei trans zumega un ambiente de crispación e hostilidade en parte do feminismo, e é capaz de transformar nun Cristo unha conversa cotiá que debería ser xustamente iso, unha conversa. Unha charla entre persoas fodidas sobre persoas fodidas.

Nun debate complexo no que tanta xente semella tan segura de todo, a min agrómanme cada vez máis dúbidas. Canto máis leo, máis dubido, porque sei que a dúbida, igual que o respecto e a empatía polas persoas que padecen na carne e na alma as inxustizas do sistema, aínda é un valor que nos salva. Do demo ou de nós mesmas que, ás veces, vén sendo o mesmo.

comentarios