luns 19/04/21

Caixas

Dicía Galeano que a economía é a máis eficiente expresión de crime organizado. Tamén que a cultura dominante, que el chamaba do desvínculo, “rompe a historia pasada como rompe a realidade presente; e prohibe armar o crebacabezas”. Se pensamos na Galicia de hai unha década, pensamos lonxe. Mais a historia ten ese trazo en liña que ás veces permite recuperar as pezas perdidas e dános a oportunidade de recompoñelas. Para as galegas, parte das pezas son caixas. Pero de aforros.

Hai dez anos, 9.000 millóns de euros de axudas públicas destináronse ao proceso de fusión de Caixa Galicia e CaixaNova. Cando Novagalicia Banco foi vendido a Abanca, 8.000 millóns das contribuíntes quedaron polo camiño. Hoxe, a Audiencia Nacional acaba de pronunciarse contra a fusión das caixas e afirma que CaixaNova foi “obrigada” a fusionarse coa coruñesa tras a publicación dunha serie de informes, entre eles, un encargado pola Xunta a KPMG que daba o visto bo á operación, pero do que máis tarde a propia consultora aclarou que non era unha auditoría.

Abanca presentábase no ano 2014 como “un banco con alma de caixa que nace co obxectivo de merecer servir aos galegos”. Mais hoxe, aínda coa resaca das preferentes e con moitas galegas en pé polo cobro dunhas comisións abusivas no medio dunha pandemia, faise cada vez máis difícil de crer.

Cando Galeano falaba do poder que se exerce de arriba cara a abaixo situábanos na trincheira do lado do antiinmobilismo: son as cousas que facemos para mudar o que somos; é a utopía que nos serve simplemente para seguir camiñando. Volver ás caixas para sacudir o po.

comentarios