Opinión

Caducar

As análises de tendencias das principais cabeceiras anuncian o inevitable: as millennials caducamos. É un feito, polo menos para quen redacta, que as persoas nacidas dende principios dos oitenta ata finais dos noventa pasamos a ser un residuo baldío, unha disuasoria promesa de indixestión, un xesto torcido de fastío e resignación tras acometer a acción de "ver lote". Somos, como titulou o pasado venres El País, "os novos vellos da Internet". E, como avanzou McCarthy naquela novela de 2005 (ano no que, premonitoriamente, xa non nacían millennials), "non é país para vellos". Dos X, os baby boomers e todas as xeracións anteriores nin falamos porque, xa se sabe, se non estás nas redes ou non estás como se espera que esteas –sobre todo, nas plataformas de vídeo–, non existes. Non dende un punto de vista viral e, por extensión, comercial. Porque ti non es Z. E coidado, pequenas zetas, porque aí veñen as Alfa pisando forte.

O discurso da caducidade xeracional comeza a perder sentido cando observamos, por exemplo, que o creador de Tiktok (e, máis concretamente, da súa matriz ByteDance) é o empresario chinés Zhang Yiming, un home nacido en 1983 e que, polo tanto, pertence á xeración millennial. Tamén son desa quinta o fundador de Facebook, Mark Zuckerberg, e os creadores de Instagram, Kevin Systrom e Mike Krieger. Catro millennials tan polos pelos que hai quen os consideraría mesmo unha extensión da xeración X, á que, por certo, pertence á súa vez o impulsor de Twitter, Jack Dorsey. E todos beberon dese espírito emprendedor de Sillicon Valley no que se sitúa nada menos que o pai de Apple, Steve Jobs, un baby boomer sen discusión da fornada de 1955.

Mais sen ir tan arriba (porque custa moito identificarse con homes cis eminentemente brancos e totalmente multimillonarios), está esa colega millennial que bota o día ideando reels para a súa clientela, a emprendedora mergullada nas redes para promocionar o seu proxecto, as redaccións xornalísticas maioritariamente X pendentes do último movemento en Tiktok e o columnista dos 60 que se fai eco da última polémica viral. Nós, como seres humanos que medramos bebendo uns dos outros, chegamos, vemos e adaptámonos, porque sabemos que hai moitos xeitos de estar no mundo sen poñerse diante da cámara selfie nin exercer de eternos odiadores de todo o que cheira a novo. Total, repugnantes hóuboos toda a vida, e nin sequera eses caducan.

Comentarios