Opinión

Caber no estándar

As miñas coxas frétanse en verán. O termómetro sobe, súo, as pernas dilátanse e comezan a rozarse lixeiramente unha contra outra. É así dende que teño uso de razón e, conclúo, dende que teño pernas, porque non deixou de pasar nin sequera aquel verán que adelgacei tanto para caber nun vestido. Ese acto de amor entre coxas, o recordatorio natural de que unha é como é, aínda que os planetas se poñan en liña recta, estaba aí cando de nena poñía aqueles pantalóns brancos tan curtos que acababan esfiañados por aquela zona; tamén estaba aí cando saía da auga do mar e aparecía aquela irritación cutánea pola fricción; e na adolescencia, con aqueles vaqueiros que nunca me deixaban levar rotos, ata que rachaban polo interior das coxas (xusto por onde non quería que rachasen).

Chegar á conclusión de que o contacto entre as coxas forma parte da normalidade corporal levoume anos, moitos, mais non tantos como os que perdín sentindo vergonza do meu corpo, soñando con poder cortarme en liscos coma a unha pata de xamón. Comprobo con aflición como aqueles anuncios de depilación feminina onde só aparecían mulleres de pernas delgadas (e brancas e sen pelo) continúan a existir, e tamén os de cremas anticelulíticas onde nunca vimos unha soa muller con celulite. Os medios de comunicación de masas que retransmiten amplamente a violencia aínda se resisten coa representación do normal, iso que os canons consideran "imperfecto"; iso que tantas veces tivemos que escoitar sobre as nosas pernas, barrigas, estrías, pelos, e os nosos corpos gordos e fracos, ata da boca das persoas máis queridas. E canto doe.

Hai un tempo que comezou a haber excepcións e hoxe resulta algo máis sinxelo sentirnos fisicamente identificadas con algún personaxe público, pero o maldito canon sempre se resiste a ceder ante a normalidade: cando pensabamos que o amor polos nosos corpos ía gañando, unha famosa de corpo normativo cuestiona a saúde dunha surfeira recovertida en modelo de talle grande na publicidade dunha firma de baño –non así a das outras cinco–; e a raíña mundial dos realities aparece vestida co icónico vestido brillante co que Monroe lle cantou a Kennedy o Happy Birthday Mr. President, presumindo da estrita dieta á que se someteu para caber no vestido: 8 quilos menos en tres semanas. Si, o canon tamén nola colou co do talle 42 de Marilyn. Non, ninguén se preocupou pola saúde de Kim Kardashian

Comentarios