Opinión

“Broncos” e “broncas”

Descoñezo o momento no que o Congreso dos Deputados pasou a ser un estadio de fútbol con afeccións ateigadas de hooligans. Un espazo no que, ao perdérense as cómodas maiorías absolutas ás que parte da clase política estaba afeita, representantes do PP, Vox e Ciudadanos demostraron que non saben o que é un parlamento. Resoan berros de “¡asesinos! ¡terroristas!” mentres intervén a deputada de EH Bildu, Mertxe Aizpurua, e o único que nos chega é que proveñen da “bancada das dereitas”, sen nomes e apelidos que nos permitan identificar os seareiros do escarnio e o maldizer.

Ao tempo que a presidenta do Congreso facía un chamamento á liberdade de expresión, os das bancadas defendían que a única liberdade era o seu dereito a interromper con virulencia a quen non pensa coma eles. E así chegan algúns ao 2020, pensando que iso que se fai nos estadios de fútbol pode ser tamén chamado democracia. A “bronca investidura” pola que titulaban algúns medios non era tal porque para a existencia dunha lea ten que haber un diálogo que nunca existiu. E porque non é doado lembrar tantas loanzas entre políticos de diferente cor coa firme finalidade de sacar adiante un goberno nun Estado plurinacional.

É difícil non lembrar aquel “¡mueran los intelectuales!” presuntamente pronunciado polo fascista Millán Astray durante a intervención de Miguel de Unamuno na Universidade de Salamanca. Un Unamuno que non era o máis progresista, pero si un personaxe que avogaba polo diálogo e o coñecemento por riba do insulto e a forza bruta. Mágoa que na estrea dos novos anos 20 a lexislatura dos “broncos” e das “broncas” só acaba de comezar.

Comentarios