Opinión

Boza

O que ten de malo a actualidade é a súa capacidade de esmagar sen piedade todo o demais. Cando levamos meses de análises, discusións, trolas e polémicas ao redor do coronavirus pode semellar que non sucede outra cousa. Mais continúa a suceder. Cando semella que todo comeza a volver á normalidade –xa veremos se nova ou vella– observo o mar e lembro #Boza, un documental de 5W sobre migrantes que vin durante o confinamento e que leva por título o berro destas persoas cando conseguen chegar a terra. Que pasa agora coas que cruzaban o mar na busca dunha oportunidade?

A semana pasada, a Garda Costeira de Libia devolveu ao país a máis de 300 persoas interceptadas no Mediterráneo. Días antes, Salvamento Marítimo rescatou 49 persoas que agardan illadas en Gran Canaria sen saber se serán devoltas ao seu lugar de orixe. Se morrer no mar non é motivo abondo para que as persoas migrantes deixen de arriscar a vida na procura dun futuro, o coronavirus tampouco. A única corentena que existe para a inmigración é un CIE.

Mentres nos preocupamos polos rebrotes, ignoramos que ata niso hai desigualdade: os últimos, un aniversario en Lleida, unha festa en Ceuta e un autobús de temporeiros en Totana (Murcia). Un medio de comunicación titula: “Cinco temporeiros e un chófer de autobús: así se difunde e rastrea un brote”. A moitos quilómetros, un mozo negro de Mineápole é asasinado por un policía. Un xornal titula “Detido o policía branco que apretou co xeonllo o pescozo do afroamericano George Floyd, quen perdeu a consciencia e morreu”.

Hai boza e hai racismo. Benvidas á vella normalidade.

Comentarios