Opinión

'Bocachancla'

Mércores. Demi Moore acababa de cumprir un dos seus soños da adolescencia: desfilar como modelo. Aínda lle duraba o gozo a esta icónica actriz que fixo furor nos 90 cando as redes só reparaban nunha cousa: o seu cambio estético derivado da ciruxía. A polémica estaba servida cando Moore foi entrevistada pouco despois por Naomi Campbell e todo o mundo agardaba que reaccionase á polémica. Non o fixo. Nun revés digno de Óscar, a actriz limitouse a falar da súa experiencia na pasarela, para decepción e vergonza das esfameadas de morbo barato.

Sábado. “¿Cómo se llama la presentadora esta de Antena3 que parece la Novia Cadáver en choni?”. A xornalista Mónica Carrillo atopou navegando polo Twitter este chío vertido por unha usuaria que a equiparaba a un personaxe de debuxos animados de Tim Burton e, ao mesmo tempo, a unha muller de clase obreira dun barrio periférico. Sen pudor, sen compaixón, sen anestesia e desde a gratuidade máis absoluta, a tal tuiteira lanzou o improperio sen sospeitar que a protagonista do escarnio non só o ía ver, senón que lle ía responder. “Mónica Carrillo”, contestou a profesional sen despeitearse, nunha reacción que se fixo tan viral como aplaudida. “Por bocachancla”, chiou de novo a tuiteira, entoando o mea culpa.

As reaccións de Moore e de Carrillo son só a proba de ata onde chega o cansazo de que, séculos despois da reclusión doméstica, da prohibición de estudar, de votar e basicamente de existir, as mulleres continúen a ser as maioritarias protagonistas das críticas a un físico que eclipsan todo o demais. Pouco habitan as bocas as chaquetas.

Comentarios