Opinión

Bestas

Permanecer uns días fóra do ruído mediático ás veces permite ver os acontecementos individuais coma un conxunto no que todo semella encaixar. Reconectábame ao mundo en pleno cumio de líderes mundiais da OTAN e a resaca dun novo episodio de violencia no valado de Melilla cando reparei nunha coincidencia homónima. O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, percorreu Madrid nunha nada discreta limusina oficial, un Cadillac One capaz de resistir un ataque con armas químicas. Tal é a imbatibilidade do vehículo presidencial que é popularmente coñecido como 'A Besta'. Curiosamente, ese é o nome que utilizan as persoas migrantes do Salvador, Honduras, Guatemala ou Nicaragua para nomear o tren de carga que permite cruzar a fronteira de México e EEUU sorteando ducias de centros de detención, que tampouco está exento de perigos (por algo é coñecido como "tren da morte"). Besta, por certo, tamén é o nome do can de Mark Zuckerberg, un chistoso animaliño que conta con perfil propio na mesma rede social que censura os peitos das mulleres ao tempo que amosa a violencia con todos os seus detalles, especialmente se quen a exerce son persoas racializadas.

Souben do tren grazas a Os nenos perdidos, un ensaio no que a escritora mexicana Valeria Luiselli reflexiona arredor das corenta preguntas que as autoridades estadounidenses lles formulan ás numerosas crianzas migrantes de Centroamérica e cuxas respostas condicionan o seu destino: refuxio ou deportación. Relata como en plena administración Obama, moito antes do muro de Trump, 'A Besta' foi blindada de seguridade facendo aínda máis perigosa a travesía de quen fuxía da miseria e a violencia das maras, como parte das medidas de endurecemento da política migratoria do país norteamericano. "As migracións como as de todos estes nenos son un problema deles –os bárbaros do sur–, de xeito que nós –no civilizado norte– non temos por que lavarlles a roupa sucia", conclúe a autora con ironía. Coas imaxes de Melilla na retina, lembrei os rapaces que o ano pasado foron reprimidos en Ceuta, devoltos en quente e despoxados da súa condición de nenos baixo o nome de "menas". Coma bestas. É de supoñer que, a ollos da autodenominada parte civilizada do mundo, as bestas son sempre os animais, as cousas e os humanos que foxen da miseria. Os coches oficiais, e nunca os que van dentro.

Comentarios