Opinión

Bailar

Hai anos que quero ir bailar. Saír, como saía a mocidade de Grease, Dirty Dancing ou Saturday Night Fever e atopar alguén que me faga voar polos aires e xirar sobre min mesma mentres todo flúe ao ritmo da música. Cando con 14 anos comecei a saír de noite decateime de que o meu desexo era unha utopía. Ninguén baila. Fan o péndulo, moven os pés, de cando en vez levantan as mans, mais nada que ver coas piruetas de Johnny e Baby."Que vas, ao baile?", pregunta a miña avoa calquera sábado pola noite cando ve que me pinto. "Avoa, agora chámanlle discoteca". "Calquera cousa".

Algunhas persoas ven absurdo que as discotecas abran na fase 3 coa prohibición de bailar –o de morrear si que o entenden–. Eu vexo absurdo que o digan as mesmas que chegan ao local, piden oito cubatas e, entre medias, serpean co corpo ou sacoden forte o cu para, no mellor dos casos, acabar a bicos nunha esquina. E iso era bailar. Enganadas pola falsa sensación de dirtydancers que nos dá o gintonic. Non mires, Tony Manero.

Galicia é a comunidade coa taxa máis elevada de mortalidade por alcoholismo, un problema que copa preto de 20% das consultas na Atención Primaria, 30% das admisións nos hospitais e 15% das urxencias. A mocidade, de media, comeza a beber con 13,4 anos, cinco antes de poder entrar nunha discoteca, e moitas, moitísimas, comezan a inxerir alcohol como un xeito de adaptarse ao ocio hexemónico. Agora que xa non nos queda nin a falsa ilusión de ir á disco a bailar, teremos que recoñecer o que facemos en realidade. "Pero bailaredes, non? Se non, a que ides?". Boa pregunta, avoa.

Comentarios