sábado 23/01/21

O coiro

Confeso que levo toda a vida querendo ter melenaza. Cando era pequena e sacaba a roupa para meterme na ducha, deixaba a camiseta amarrada uns minutos na cabeza polo marco da cara e miraba como a prenda caía polo meu lombo, polos meus ombros, como se fose o cabelo da Sereíña. Imaxinábame a min mesma con 16, 18, 22 anos e un melenón. Tamén me imaxinaba con 70 e un moño italiano como o da miña avoa, renunciando inevitable e prematuramente ao pracer da melena ao vento a partir de certa idade.

As bruxas das películas, especialmente as vellas e especialmente cando tolean, levan o cabelo solto e longo. Así é como Disney nos amosou o protocolo opresor que as nenas da miña xeración aceptamos sen facer máis preguntas e que hoxe perdura a golpe de ditado da moda casposa. Hoxe, por sorte, as rapazas semellan andar máis espelidas. Pero que en pleno 2020 Carolina Herrera enarbole a represión capilar ao afirmar que só as mulleres sen clase levan o pelo solto despois dos corenta é o síntoma máis evidente de ata onde chega a patriarcado. Ata o coiro.

En plena polémica polas palabras da deseñadora, as redes sociais lembráronse de Ángela Molina, Goya de Honra no vindeiro certame da Academia do Cine, que aos seus 65 anos loce unha longuísima e envexable melena ondulada. Ao mesmo tempo, algúns usuarios ameazaban de morte a Paula Dapena, futbolista galega que se negou a gardar un minuto de silencio pola morte de Maradona lembrando as mulleres ás que maltratou. Porque Paula tamén está ata o coiro. E non precisamente o do balón.

comentarios