mércores 27/10/21

Ás tentas

Non é ningún segredo que o xornalismo internacional esmorece. Dilúese, descontextualízase, apágase e morre nunha crónica de morte anunciada para a que a crise de 2008, co peche en dominó das corresponsalías, construíu a sepultura. A cantidade de análises de cu sentado dende as redaccións e de teletipos de axencia na sección internacional é inversamente proporcional ao presuposto dunha freelance para contar o que sucede dende o terreo e en condicións dignas. Dignas, de non ter que poñer diñeiro do seu peto que nunca vai recuperar.

Hoxe falamos das protestas en Cuba sen lembrar que hai tres meses estabamos a falar das de Colombia. Falamos do asasinato do presidente de Haití sen pensar no terremoto que totalmente en coiros o país máis pobre de América Latina. Falamos ás tentas porque o xornalismo está ferido de morte. A cegueira colectiva ante o que acontece fóra da nosa burbulla europea convértenos no branco perfecto do “avalancha migratoria”, do “berros de Allahu Akbar”, do “oleada de tensión en Cisjordania”, do “disturbios en Venezuela”; en meras compradoras de desgrazas, como quen se dá de alta en Netflix para entreterse co drama alleo, onde está permitido non relacionar as series, nin sequera os capítulos, para axudarnos a entender todo a través dunha parte, e a parte a través de todo.

Mentres les esta humilde opinión, hai xornalistas internacionais facendo números. Ofrecendo temas. Marcando datas no calendario en función da tarifa aérea máis barata que ninguén lles vai pagar. Colaborando con vinte medios a 60 euros a crónica para que non vaiamos ás tentas.

comentarios