Opinión

As nosas cousas

Cando aprendín a ler, os meus ollos comezaron a pousarse con inusitada atención en todo o que tiña letras, alén dos libros. Letreiros, cartas, facturas, folletos no parabrisas dos coches (algúns elocuentes abondo sen letras), xornais e prospectos. O mundo abríase ante min cunha rapidez que miña nai e meu pai non puideron calcular. Así reparei por primeira vez en todo o que contiñan as fichas de alumnado nas que meu pai escribía mentres corrixía exames. Era a información básica de cada estudante, nome e apelidos, lugar de orixe, enderezo postal, nome e oficio do pai e da nai (por esa orde), teléfono e, abaixo de todo, as cualificacións. Toda unha ventá ao universo persoal de rapazas e rapaces que naceran a comezos dos oitenta e que el se encargou de afastar de min para sempre en canto formulei aquela pregunta: "Que son 'sus labores' papá?".

O que aquel rapaz identificou como a profesión da súa nai abriu unha nova comporta no meu cerebro insaciable. Podía ser a tarefa doméstica un traballo se ninguén o pagaba? Acaso o pai non poñía da súa parte? E o máis determinante: non son eses labores en beneficio das persoas que viven no mesmo fogar e, polo tanto, cousa de todas elas? O transcurso do tempo e os avances na lectura leváronme a descubrir a trampa do traballo doméstico para as mulleres traballadoras fóra da casa e, a un tempo, o pouco consciente que era da situación excepcional e privilexiada da miña. Abondaba con mirar nas realidades máis próximas.

A idea estendida no imaxinario colectivo é, aínda hoxe, simple e arrepiante: o traballo doméstico é cousa das mulleres. Por moito que a sociedade avanza (a paso firme, pero lento), continúase asumindo que limpar, coidar, mercar roupa ou levar a conta do que hai e do que falta (algo que dende hai uns poucos anos coñecemos como carga mental) é cousa nosa. As nosas cousas. Os nosos labores.

Ás portas do 8 de marzo de 2023, o Partido Comunista de España lanza un cartaz na súa conta oficial de Twitter onde varias mulleres sosteñen ferramentas de limpeza co lema "varrendo o patriarcado". Por se houbese algunha dúbida das nosas recentes conquistas, a única que sostén un cartaz feminista é a muller que ten a pel máis branca. Inmediatamente debaixo, dous homes discuten sobre as declaracións dun terceiro, un señor poderoso duns sesenta anos, e prestámoslles máis atención porque, xa o sabemos, as súas cousas si, son de todos.

Comentarios