Opinión

Animais coma nós

Non saco da cabeza a imaxe dun pequeno corzo no inferno de Zamora. Na contorna arrasada polo lume, en Losacio, o pequeno animal bebe con ansia dunha botella de auga que lle sosteñen os brigadistas. Está deshidratado e totalmente cuberto de cinza, no límite entre a vida e a morte. É tan semellante a un bebé humano como pode selo un bebé cérvido. Sei que o pequeno corzo está agora en boas mans, pero non podo reprimir o desexo de coidalo, acariñalo e darlle unha vida afastada de lumes, cazadores e depredadores naturais. É o erro máis común que cometemos os seres humanos na convivencia cos animais, afastalos da súa contorna natural, aínda que sexa para darlles unha vida lonxe dos perigos que como especie lles toca afrontar para adestrar a súa supervivencia.

Nas montañas ourensás do Invernadoiro atopei hai uns días unha cría de paxaro que voaba desorientada polo medio da estrada. Apareceu unha vez levantando o voo ao paso do coche, facéndonos reducir a velocidade, e logo unha segunda vez, uns metros máis adiante. E entón mirámonos fixamente aos ollos. Xuraría que era un miñato, aínda que aquel voo errático non era normal, e moito menos todo o que me dicía aquel ollar salvaxe. "Eu fun o ouriolo que facía o niño no medio do piñeiral. E veu o mal", escribiu Olga Novo nun poema parido durante a vaga de lumes do Courel e que corre como a pólvora polas redes sociais. "Que nos deixen subir a defender o noso pueblo. Se ardemos algún, ardemos no noso pueblo", clamaba unha veciña de Alixo, na comarca de Valdeorras, nunhas declaracións recollidas polo fotoxornalista Brais Lorenzo. Aquela muller queixábase de que non os deixaban volver para evitar que as lapas chegaran ás súas casas.

Todo o que vin e escoitei nestas últimas semanas de lume voraz fíxome pensar que os humanos e os animais habitamos a terra en estraña convivencia dende que os primeiros esquecemos que a natureza está nas nosas orixes como especie. O éxodo da natureza é quizais o máis antinatural que fixemos nunca os seres humanos. Trasladamos a nosa primeira residencia a fornecidas estruturas de cemento en nome do progreso e a civilización. Pero os animais e os humanos aínda conservamos unha conexión cando todo se derruba. Sentímonos, cruzámonos, estudámonos e, ás veces, acompañámonos. Salvámonos, en certa maneira, os uns aos outros, cando lembramos que existe unha forza máis grande que todos nós xuntos.

Comentarios