Opinión

Amor encadeado

Cara á metade do século pasado, a poeta serbia Desanka Maksimović inspirouse nunha curiosa lenda de amor para escribir o poema 'Molitva za ljubav' (Unha oración por amor), un texto lacerante no que a escritora semella querer quedar a vivir na dor que causan a fraxilidade e a calidade efémera do amor. A historia da que parte conta a separación de dous amantes no pequeno municipio de Vrnjačka Banja cando, no contexto da Primeira Guerra Mundial, o mozo se ve na obriga de alistarse no exército, mentres ela queda agardando por el como unha eterna Penélope. Cando el namora doutra, a vila enteira non tarda en decatarse.

Aterradas ante a profunda dor da moza –e porque xa bastante dor causaba a guerra por si mesma–, as mulleres de Vrnjačka Banja comezaron a pendurar nunha ponte cadeados que levaban escritos os seus nomes e os dos seus amantes. Con ese ritual querían amarrar as súas historias de amor para evitar correr a mesma sorte que a súa veciña, apostándoo todo a unha metáfora. E, para asegurarse da efectividade do xesto, lanzaban a chave ao río. Seguro que a práctica lles soa, aínda que hoxe se leve a cabo con máis optimismo e menos carga dramática. Por se acaso. Practicamente todas as cidades do mundo contan coa súa propia ponte ateigada de cadeados nos que se len infinidade de nomes de amantes de diversas nacionalidades, unha febre que se estendeu como a pólvora en 2008 coas novelas de Federico Moccia. Tal é o fervor que o ano pasado a tiktoker Kassie Yeung viaxou de Los Ángeles a Seul para cortar o cadeado que pendurara dous anos atrás co seu recén estreado ex-mozo no turístico valado da Torre Namsan. Por se acaso, tamén.

Hai uns anos, o concello de París tivo que tomar medidas para evitar que o peso nada livián deses románticos seguros de amor acabase por estragar ou mesmo botar abaixo as pontes sobre o Sena. En 2015 retiraron todos os cadeados da Pont des Arts e posteriormente lanzaron a campaña "Amor sen cadeados" para convidar as parellas a substituír o ritual por un selfie. "As nosas pontes non resistirán o voso amor", rezaba o texto dos carteis. Hai unha película danesa en Netflix na que un matrimonio roto acaba cada vez peor canto máis teima en perdurar. En Vrnjačka Banja e no mundo enteiro acabamos por poñer anacos de ferro onde deberiamos atender aos cimentos. Quizais a verdadeira metáfora do amor non é o cadeado, senón a ponte que o sostén.

Comentarios