Opinión

Acoso

Mandáronche algunha vez un nude? Xa sabes, unha foto ou vídeo dunha persoa espida ou semiespida. Recibiches algunha vez un relevo? Refírome a esa imaxe que discretamente deixa entrever uns xenitais. Á foto de hamaca que che envía un tipo para ilustrarche o moito que está a descansar na aldea, na que un bulto sobresae sen moito disimulo das súas bermudas. Teño unha amiga á que un coñecido lle enviou unha radiografía co pretexto de amosarlle unha lesión. Na estampa podía adiviñarse sen ningún esforzo a silueta do seu pene. A terceira pregunta é se nalgunha ocasión recibiches algo sen telo pedido e se te incomodou. Iso é o acoso.

O acoso non é só sexual, tamén contan as accións que invaden o espazo ata perturbar. Relacionámolo rapidamente co sexual porque quen o sofre en gran medida, de varias formas distintas, somos as mulleres. É unha mágoa que moitos dicionarios, incluído o da Real Academia Galega, só recollan a definición longa do concepto no verbo acosar, e non no substantivo acoso, poñendo así o acento na persoa acosadora e non en todo o que experimenta a acosada, que é, na práctica, o quid onde radica a gravidade do asunto.

A semana pasada, a televisión pública de Galicia emitiu un caso de acoso, fomentado polo programa. Tal é a desconsideración cara a algo tan grave que ninguén asumiu a responsabilidade nin tomou medidas. Onte, unha carta ao director publicada nun xornal negaba ese acoso. Coma quen nega algo que se poida discutir. Porque a realidade detrás das desculpas é que somos acosadas e cuestionadas. Logo ninguén entende por que non hai denuncia.

Comentarios