Opinión

A miña casa

Hai unha casa en Vigo que non leva o meu nome. Non estou por ningures, nin está a miña roupa, nin cheira xa ao amoado de auga e suavizante que botaba polas cortinas, as mantas e os coxíns. Todos os días abatía as ventás para que aquel habitáculo estivese sempre fresco e ventilado e aproveitaba as coadas para que arrecendese a limpo. Coidaba con atención irregular unha orquídea e dous kalanchoes, sufría para lavar a louza a diario e que nada se amontoase na pía, pintaba mandalas con música para meditar e facía algo no forno cando precisaba fuxir do mundanal ruído. Non é algo para contar en público, pero / teño unha relación coa miña casa, escribe Yolanda Castaño en Materia. Iso explicaría por que, malia que xa hai moitos meses que non estou alí, segue a ser a miña casa. Sorpréndome moitas veces referíndome a ela desa maneira sen reparar en que non é miña nin nunca o foi. E ao mesmo tempo, dalgún xeito, quizais sexa miña para sempre porque os lugares que habitamos son tamén aqueles onde vivimos. Ela casou coas miñas faltas, / eu deille a ela un fogar, conclúe o poema.

Paso acotío pola rúa da Coruña onde vivín o primeiro ano e medio da miña vida. Non teño claro que parte dos recordos dese vestíbulo redondo e dese salón onde miña nai poñía calas frescas son reais ou construídos, pero sempre me pregunto quen vivirá alí agora, que cambios experimentarían os muros, a pintura das paredes, os mobles da cociña; se cambiaría de mans propietarias (propietarias de verdade) e que gusto para a decoración terán. A cada casa ingrésase sempre a través do corpo, escribe Castaño noutro poema que comeza así: Todo o que fun esquecendo / recórdao o meu corpo por min. Fantaseo con premer o botón do timbre do terceiro piso e pedir que mo deixen ver unha vez máis. Imaxino os novos inquilinos mirándome arrepiados e pechándome a porta no nariz. Que feroz apego, este da vivenda.

Na presentación do libro, a escritora mencionou a gran cantidade de literatura que apela á casa familiar para lembrar a continuación a quen non pode permitirse conservala. Ten un poema maxistral que introduce os conceptos necesarios para explicar con exactitude o mundo que nos rodea. Moito do que temos non se perderá / pero non defenderei a casa onde nacemos, / a mesma na que hoxe malvende os seus cimentos / un parking a un euro e setenta e cinco a hora. Por iso a literatura tamén é a miña casa.

Comentarios