mércores 27/10/21

A elite

Como se mide a unha deportista de elite? Imaxino que interveñen unha chea de factores, como a potencia, a resistencia ou a forza, no eido máis puramente físico, e o tempo, a lonxitude ou a velocidade, como parámetros de marca e récord persoal, estatal ou mundial. Acabamos de velo nos Xogos de Tokio grazas a profesionais como Paloma del Río, veterana xornalista, por derradeira vez ao pé do canón nunhas olimpíadas, retransmitindo cada detalle, contexto e precedente de cada disciplina e deportista, das de aquí e das demais, para que saibamos apreciar, dende a nosa ignorancia, a importancia do esforzo e os valores humanos no mundo deportivo. 

Pero como se fai para medir a importancia mediática dunha deportista de elite? Ao principio semellaba que a potencia, as medallas e os récords eran motivo abondo para ocupar as principais cabeceiras deportivas e copar a listaxe de tendencias nas redes sociais. Ata que apareceu Leo Messi. A comparecencia pública do presidente do Barça o pasado venres anunciando que o mellor futbolista masculino do mundo marchaba do clube da súa vida, e días despois a do propio xogador, despedíndose da casa e a terra onde se converteu no mellor, eclipsou por completo a recta final dos Xogos Olímpicos e a Alberto Ginés, ouro en escalada, ou Sandra Sánchez, ouro en karate. Sen desmerecer o fútbol, a ninguén debe ofender que se sinale que o chamado deporte rei non dá tregua nin en agosto. Coa desgraza de que as bágoas sentidas do mellor do mundo quedan esvaídas pola verdadeira elite, que non fala de valores nin de deporte, senón de imaxe e masa salarial.

comentarios