Opinión

A culpa

Existe un deporte cotián que consiste na teima de buscar culpables de todo en cada momento, mesmo –e especialmente– cando non é o momento en absoluto. Pero, a quen se lle pode botar a culpa dun virus que é pandemia mundial? A pregunta non é retórica. A falta de unha, as culpas da expansión do coronavirus viñeron moi repartidas.

O azul é a cor representativa da loita contra os trastornos do espectro autista e do déficit de atención (TDAH), pero estes días pasou a ser un distintivo para que estas persoas poidan pasear tranquilamente pola rúa sen ser insultadas. Marcar ás persoas vulnerables non é unha práctica nova e a todas nos leva ao mesmo recordo. Unha sociedade que precisa marcar a un colectivo para salvalo dos dedos acusadores ten moitas cousas sobre as que reflexionar. Comezar a sinalar ás que sinalan, por exemplo.

Ocorreu tamén coas mulleres, o 8 de marzo e o movemento feminista. 25 días de estado de alarma e moreas de argumentos despois, hai quen continúa botando a culpa da expansión do virus ás manifestacións do Día da Muller. O mesmo día disputábanse dez partidos de fútbol de primeira e segunda división e un acto multitudinario de Vox en Madrid dos que practicamente non se fala.

Unha culpa extensible ao goberno e, moi especialmente, á vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, e á Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, á que a prensa económica, habitualmente seria e respectuosa, vén de bautizar como “Yoli”. Haberá momentos de buscar culpables ou, máis ben, de depurar responsabilidades. Mais cómpre renderse á evidencia de que agora é un mal momento.

Comentarios