Opinión

2ªB

Case o cremos. Este grupo de seareiras dun pequeno recuncho occidental chegamos a sentir que podiamos gañar en Europa, volver liderar a Liga e arrebatar todos os centenarios aos que xogan no salón. Por soñar, ata soñamos formar parte dunha selección de franxa azul en competición internacional.

Unha vez chegamos ao máis alto e pensamos que podiamos tocar o ceo coas mans por toda a eternidade, mais non eramos a excepción que confirma a regra. As de abaixo podemos tocar o ceo unha vez para lembrar toda a vida a que olen as nubes. Só hai unha norma non escrita que dita e sentenza: se gañamos é porque nos deixan.

O odio eterno ao fútbol moderno é moito máis que unha consigna. É o capitalismo (estúpidas). É a Esfinxe de Tebas contra o Edipo que ignora o seu destino. Por iso o virus subiu nese avión. Non era unha aeronave de Qatar Airways nin de Emirates. Tampouco era unha viaxe pagada por ACS nin ADELTE Group. Na boca do pozo da 2ªB non hai protocolo sanitario que impida a un xogador do C.F. Fuenlabrada con PCR positiva subir a unha aeronave e poñer en risco a centenares de persoas. E así, o Deportivo, ao final dun camiño coñecido de agonía e esperanza e un partido non disputado, baixou a 2ªB.

2ªB somos todas. Desde marzo imos disputando cada fase, cada encontro, partido a partido, adaptándonos a un terreo de céspede artificial co soño de volvernos bicar. E despois do sacrificio, volvemos ser carne de infección para que outros poidan seguir facendo cartos nunha xogada mestra á que chaman reactivación económica. Que duro é o descenso co arrecendo das nubes na memoria.

Comentarios