sábado 23/01/21

250

Sempre pensei no difícil que é poñer prezo ás cousas. Prender a tele ata principios dos 2000 ofrecía a posibilidade de atopar un deses concursos nos que as participantes tiñan que adiviñar canto valía cada produto. Un coche, un microondas, unha navalla, un bonsai. Desde a casa, a audiencia participaba afervoada, outras veces nerviosa e, outras, indignada pola estimación: "Pero como vai valer iso quince mil pesetas, miñaxoia!".

Estes días, en plena precampaña electoral nunha Galicia que estrea nova normalidade aínda con medo de ir visitar os maiores, sentinme a audiencia. A indignada. Nun exercicio de caridade estival, a Xunta de Galicia decidiu poñer prezo á sanidade: 250 euros para 20.000 sanitarias que estiveron na primeira liña do coronavirus, a gastar en hoteis e restaurantes.

Véxome no famoso concurso de adiviñar prezos e penso canto pode valer cada hora extra dunha médica de urxencias para non deixar o seu equipo con menos medios dos que xa tiña. Canto pode valer o medo de batallar a morte nun hospital ou nunha residencia de maiores ataviada con bolsas do lixo e sen máscaras porque a xerencia considera que asustan as pacientes. A carraxe dunha enfermeira eventual á que, despois de poñela en risco en 4 plantas ou centros hospitalarios diferentes, anulan o contrato porque se contaxiou. Ter que converter unha planta nunha UCI en tempo récord porque a Administración desoíu as necesidades das profesionais ata o último momento. O prezo da cara do persoal de familia e non facultativo cando se ve excluído da campaña. Cáeme suor fría. Será que hai cousas que non teñen prezo.

comentarios