Opinión

Odisea universitaria

A estas alturas do curso universitario xórdeme a inquedanza de que vai pasar nos próximos días coa nosa comunidade. As clases do segundo cuadrimestre comezaron o luns de xeito telemático, decisión tomada polo Comité Clínico hai unhas semanas ante a grave situación sanitaria tras "salvar o Nadal". O 17 de febreiro voltaremos ás aulas. Ou non, quen sabe... Partindo da idea de que medidas para paliar a suba de contaxios son necesarias, aínda non chego a comprender por que se tomou esta determinación soamente cos universitarios. "As aulas seguen sendo un lugar ben seguro", afirmaba o presidente da Xunta na notificación das novas medidas. Pero semella que non nas facultades, o que contrasta co discurso de seguridade achegado dende as reitorías durante os primeiros meses de curso e cos datos dos cribados realizados en outubro e novembro. Lin que unha das principais razóns da posta en marcha desta medida é reducir a mobilidade. Ben é certo que unha gran cantidade de universitarios temos que desprazarnos para acudir á clase, pero non somos os únicos. Semella que non coñecen moi ben a distribución da poboación na Galiza, xa que moitos alumnos precisan dos medios de transporte para acudir aos centros de ensinanza. Meu irmán colle todas as mañás un autobús para ir ao instituto, no que pasa polo menos media hora, e outro ao saír para vir á casa. Nin sequera queda dentro dos límites do concello no que reside, posto que se ten que trasladar a un contiguo para poder cursar a ESO. Coma el, moitos outros rapaces e rapazas.

Cal é a razón entón para que uns asistan presencialmente e outros non? O máis lóxico sería tomar unha decisión unánime para todos. Concentrarse nunha clase concibida a través de plataformas de videoconferencia resulta bastante complexo. Ábrese un mundo de distraccións infinitamente maior que cando acodes a unha aula. As sensacións son distintas, a interacción cos docentes e cos contidos tamén... Por non falar dos problemas técnicos que poidan xurdir durante o desenvolvemento das mesmas. O idóneo sempre é a presencialidade, en todos os niveis de educación. Por iso me custa comprender os criterios en base aos cales se tomou esta decisión. Tampouco consigo entender por que tras o anuncio destas restricións se seguiron realizando exames de xeito presencial. Preténdese reducir a mobilidade mantendo os exames presenciais? Non lle atopo moito sentido. E menos tendo en conta que, polo menos na Facultade de Ciencias da Comunicación, realizamos os exames de xaneiro practicamente co mesmo espazo de separación que en cursos anteriores. Máscaras e hidroxel, a única diferenza. Pedía o conselleiro de sanidade en outubro aos universitarios que quedásemos nas cidades nas que estudamos para non expoñer ás nosas familia: "apelamos a que calquera aplique o sentido común". Nos tamén apelamos ao sentido común, vistos os feitos non somos os únicos que precisamos aplicalo. 

Comentarios