Opinión

Un póster e unha foto

Unha foto

Baixo a impasible mirada da estatua do matemático de Bermés, as autoridades locais acompañaban ao secretario xeral de política lingüística e ao conselleiro de educación nesta parroquia de Lalín nun acto de louvanza do galego como lingua para a ciencia

Unha foto

Baixo a impasible mirada da estatua do matemático de Bermés, as autoridades locais acompañaban ao secretario xeral de política lingüística e ao conselleiro de educación nesta parroquia de Lalín nun acto de louvanza do galego como lingua para a ciencia. Ou iso é o que din os medios que reproducen as notas de prensa oficiais sen máis pescuda. Conviña preguntarse que hai detrás desta foto das autoridades coa escultura do primeiro matemático galego.

"Hoxe ese libro estaría prohibido pola mesma Consellería de Educación que o editaba hai 10 anos. A razón: estar escrito en galego. Velaí un exemplo do radicalismo da política lingüística do goberno Feijóo".

No 2004, o daquela conselleiro de educación, Celso Currás, presentaba un libro no que, aproveitando que Xocas era o escritor homenaxeado naquel Día das letras, se lle ofrecía ao profesorado unha serie de unidades didácticas para traballar nas aulas de tecnoloxía con maquinaria referenciada na obra dese autor. Hoxe ese libro estaría prohibido pola mesma Consellería de Educación que o editaba hai 10 anos. A razón: estar escrito en galego. Velaí un exemplo do radicalismo da política lingüística do goberno Feijóo.

Este caso é a punta do iceberg das actuacións contra o galego que está a desenvolver a Xunta. Se o funesto decreto do plurilingüismo tivo como consecuencia a retirada de miles de libros de texto de matemáticas, tecnoloxía, historia ou física, ten sentido que os responsables desta desfeita se presenten nun acto público como os avalistas da normalización no mundo das ciencias? Claro que, se o pensamos friamente, tampouco poden mostrarse ante a sociedade como o que son. Sería un escándalo que a Consellería de Educación emitira unha nota explicando que van continuar excluíndo o galego de boa parte do currículo escolar para que un alumnado, que ten xa moi claro cal é a lingua que goza de todas as ventaxas, reafirme os seus prexuízos ao comprobar como desde as administracións á outra lingua se lle negan espazos  que comezaran a recuperase mornamente durante o goberno bipartito. Como o goberno desenvolve unha política lingüística tremendamente lesiva para a normalización non ten máis remedio que ir a Bermés a que lle saquen unha foto na que se ofreza a imaxe contraria da súa práctica diaria. Un retrato fidedigno da realidade sería comparable ao de Dorian Gray.

"Se o funesto decreto do plurilingüismo tivo como consecuencia a retirada de miles de libros de texto de matemáticas, tecnoloxía, historia ou física, ten sentido que os responsables desta desfeita se presenten nun acto público como os avalistas da normalización no mundo das ciencias?"

Un póster

Neste pasasdo mes de novembro a Consellería de Cultura tivo a iniciativa de propoñer as lecturas matemáticas como o tema central arredor do que desenvolver actividades nas bibliotecas. Ou iso é o que din desde a oficialidade e repiten acríticamente os medios abeirados ao poder. Efectivamente,  a Consellería difundiu un póster co lema "Biblioteca escolar... matemático!!!". Pero o problema é que isto foi o principio, o fin, e a única proposta realizada. Por ningunha parte apareceu o que é evidente: que nas bibliotecas non hai libros de matemáticas en galego. 

Velaí de novo o a crúa realidade: o que estivo promovendo a Consellería de Cultura foi un novo atentado contra a normalización. Ningún alto cargo se reuniu cos representantes das editoriais galegas para elaborar unha colección divulgativa de matemáticas en galego. Unha iniciativa coma ésta, centrada en Galicia, sería un pequeno impulso á maltratada industria editorial autóctona. Vese que para isto non está a Xunta. Porén si actuou como o cabalo de Atila prohibindo todos os libros de texto en galego das materias científicas para aplicar o funesto decreto de plurilingüismo co que non só minaron os cimentos ás nosas editoriais, senón que se paralizou o traballo didáctico desde unha perspectiva galega.

"En Cataluña o Departament d´Ensenyament da Generalitat mantén un portal, Creamat, para fornecer de recursos en catalán ao profesorado de matemáticas. Aquí parece que chega cun póster e unha foto".

Nalgún galpón da Consellería de Educación débense gardar os carteis da exposición "A muller, innovadora na ciencia", unha loable proposta que no seu día difundira o esforzado traballo de moitas mulleres científicas. Non debe haber ninguén en San Caetano que aproveitando este súbito interese polas matemáticas pensara en recuperar esa exposición. Pero tampouco se lembraron doutra elaborada por Trinidad López, "Historia do cálculo",  nin de traballos tan dignos como "As mulleres na historia das matemáticas" de Susana Paz Díaz, que ben merecía unha edición en papel. Por non haber, non houbo contacto coas asociacións profesionais para recoller e apoiar propostas que podían achegar (en galego) as matemáticas á cidadanía ou para impulsar a renovación das propostas didácticas.Tampouco se recuperaron os multipremiados recursos educativos de Paulo Porta que estaban colgados no web da Consellería de Educación ata que o goberno de Feijóo os eliminou, nin se difundiron as unidades didácticas EDAD do Proxecto Descartes que foron bloqueadas desde os despachos da Consellería de Educación por estaren redactadas en galego. Non, nada disto se fixo. Só se editou un póster para impulsar a lectura de libros en castelán. (que non digo eu que estea mal que se lean, pero tal e como está o panorama das linguas en Galicia, non parece, nin de lonxe, o que deben potenciar as nosas Consellerías).

En Cataluña o Departament d´Ensenyament da Generalitat mantén un portal, Creamat, para fornecer de recursos en catalán ao profesorado de matemáticas. Aquí parece que chega cun póster e unha foto.

Comentarios