Opinión

Aínda nacer

A campá leva o mérito mais é o badal quen movéndose convoca o son, o badal a escuras, como agochado, como a lingua dentro da boca, o humano por nacer. A campá de Castelao teimaba e aínda teima por cantar nacementos e nisto, os que cremos en Xesús, o Cristo, sómosche parecidos, aínda no calamos. Agardamos que ese meniño inválido e espido alce a voz pola xustiza, mande raios de sorriso, poña lume nos ídolos que nos comen a ledicia e o sentido da vida, das cousas, das festas, o sentido do amor. 

Somos eses ilusos de boa vontade que cremos nos vagalumes para acender un mundo onde cadaquén atope un lugar propio onde repousar e poñer unha mesa, somos eses ilusos que cremos no poder dunha nai recen parida e o seu filliño para cambiar o mundo, cremos nos posibles e nos imposibles. Aparecen estáticos nos nosos nacementos, sen acenos cara a acción e o facer tan valorados hoxe dia. Vémolos calados, será silencio a verdade, a verdade pura, falo da  Verdade conforme sae do forno e non diluída nos discursos vans ? E se non, que lingua será a súa?

A escenificación no Nacemento de Belén expresa simbolicamente a casa común onde cadaquén ten un lugar marcado e seguro, e ao que poden chegar mais xentes, diversas, espontáneas, como se atopen, vestidas de diario pero axexantes, en procura, ávidas de novas que traian algún remedio para as durezas da vida. O estabulo de Belén, representado sen portas e aberto a todos os ventos, símbolo de acollida total, incondicional e gratuíta, non admite exclusións. A tradición amósanos sabiamente, usando esta representación ahistórica, o lugar-tempo onde se realiza a conxunción da terra e do ceo, dos soños e da seu cumprimento, o encontro con sentido -senso e dirección-, mais tamén onde se realiza a sorofraternidade total, horizontal, rebentando barreiras sociais e de etnia; reis e pastores forasteiros conviven en paz e enténdense no esencial. Non nos chegan testemuños do que alí se dixo mais do que si aconteceu. A mais deuse a complicidade cósmica, das estrelas e da natureza, reconciliada coa humanidade e pacendo en paz. Os animais, paradigmas da produción represéntanse repousados, sen traballos e sen retranca carniceira. Compañía e presencia daquela cova onde acaba de ocorrer un feito nada tranquilo.

Non esquecer a parte das tripas, do sangue e das babas... o parto sempre difícil que require esforzo, non esquecer o que levou á escena idílica de repouso e ledicia beata. Non esquecer que nada ven regalado, que sempre compre a acción, o berro, o empuxe.

Que traerá o Natal, que imos parir hoxe? Nas soidades non desexada dos hospitais e das casas, na incerteza do mañá envolto en promesas de vacinas que non acaban de convencer... nos loitos que aínda fan sangrar os corazóns de impotencia e tristura

Nada hai na vida dunha muller que a achegue mais á morte que un parto, nesa hora ábrese unha vía real que leva a un cruceiro de camiños, nada hai que concite con mais certeza os medos lexítimos. Non sabemos se cada contracción nos achega máis ao cemiterio ou ao berce. As aventuras teñen un prezo. Compre pagalo para seguir. O Natal non é un conto para sorrir estupidamente e esquecer o que importa, é unha badalada na conciencia.

A casa de Belén, que significa a casa do pan na lingua de Israel convídanos a mirar para dentro, porque fora é noite, convida a recollerse, xuntarse, partillar o que haxa para termar do frío, da pena, das preocupacións e para preguntarnos quen somos, quen son eu e quen somos nós. Que é iso que nos xunta e tira por nós, que lazos nos unen por riba do mais temible virus que é o odio, a peor especie, o odio a nós mesmos, ese que nos fai errar en mil noites sen estrela procurando luz en covas de morcegos onde non somos ninguén.

O Natal peta na porta, pide saúde, pide terra, pide lingua, pide ser mais Nós que eus. O eu sen Nós non ten alma. O badal sen campá non soa. Galiza sen o galego non ten pobo senón consumidores. Pola casa galega, unha casa de nós, cunha mesa aberta e farta. Desde Irimia, bo Natal, saúde e terra.

Comentarios