Opinión

Toneladas

Vexo pasar xente pola rúa Barcelona, aquí na Coruña. Nestes días a xente pecha os ollos e non pensa no que é necesario ter e no que non. Van todos con bolsas cheas. A publicidade leva a todos polo mesmo rego, cara aos mesmos bolsos. Marcas que os ricos poden comprar porque lles sobran os cartos. A xente ponse a imitar os ricos. É tradición. Na festa do cordeiro, no Senegal, sucede algo parecido. É tradición comprar roupas novas, zapatos novos e moita comida. Mesmo hai quen pide préstamos para gastar nun día o que precisaría para medio mes. Somos produto do noso entorno. Das nosas crenzas ben orientadas pola publicidade. Aquí e alá a xente é cada vez menos relixiosa, pero esqueceu unha parte fundamental do que din as relixións, sexa o islam ou o cristianismo: leva unha vida moderada, sé xusto e usa todo na medida xusta.

A xente ponse a imitar os ricos. É tradición. Na festa do cordeiro, no Senegal, sucede algo parecido

 

Estou cos meus compañeiros na rúa e vexo pasar xente con bolsas cheas de comida. Alá, cando a festa do cordeiro, as familias tamén enchen as casas de comida. Pero alá tírase menos comida. Aquí non, aquí parece que se perden toneladas de comida na última semana do ano. Sería de esperar que se non podes axudar a quen pasa fame, cando menos teñas o sentido de usar con responsabilidade a comida.

Vexo pasar xente con bolsas cheas de roupa. Hai xente que compra roupa que non porá nun ano ou dous; e cando acorde, a publicidade diralle que aquilo xa non vale. Entón a roupa vai ao lixo. Mais non se perde. Na feira dos Mallos, na Coruña, nas de Carballo ou Ferrol, topas roupa en bo estado.

Alá, cando a festa do cordeiro, as familias tamén enchen as casas de comida. Pero alá tírase menos comida

 

Somos produto do noso entorno e eu vivo aquí… non dilapido cartos nin en roupa nin en comida, porque eses días de festa de decembro eu farei a mesma cea e a mesma comida que calquera día, e pensarei no cordeiro. Pero cando paso diante dun escaparate deses que anuncian premios de ducias de millóns de euros, detéñome. Penso que con eses cartos arranxaría a vida de toda a familia. Busco no peto algunha moeda. E xogo. E perdo… como todos. 

Por iso non quero que se lea este artigo coma unha lección. Simplemente quixera que pensarades nas toneladas. Toneladas. De comida e de roupa. Toneladas. Boas festas.

Comentarios