Opinión

Punto morto 

Pregúntanme en Senegal se terminaron os tempos malos, coma pedindo un balance da crise; porque os emigrantes inda conservamos certo prestixio malia que xa pasou a época na que a emigración era considerada o gran remedio contra a miseria, e por iso as familias elixían ben a quen mandaban cara ao norte. As experiencias foron terribles e hoxe xa se sabe que no norte tamén se fixo difícil a vida dos pobres. A crise tivo moita culpa.

As cousas en Senegal van amodo. Mais non empeoran. A emigración cara ao norte diminúe por esa crise de efectos globais e inda así hai esperanza. O goberno de Macky Sall está investindo moitos cartos en infraestruturas. En Dakar constrúense pontes e novas vías para desconxestionar o tráfico. Está en obras a nova autoestrada entre a capital e Touba.

Pero estas políticas non xeraron emprego polo de agora. A economía informal segue predominando. Se miramos cara atrás, o país está mellor que hai vinte anos. E por iso hai certa esperanza en que as cousas, de aquí a dez anos, poidan ter dado outro xiro a mellor.

Os tempos malos no se foron. Non se albisca un horizonte despexado. Pero levamos sufrido tanto que quizá este impasse nos pareza máis unha tregua ca un punto morto.

Nas aldeas o terreo para levantar unha casa é gratis e tamén hai terras gratis para emprender un cultivo


Que a emigración cara ao norte se frease terá consecuencias positivas se a corto prazo as familias encontran outras formas para sacar algo de cartos. Que a extensión da electricidade e do abastecemento de auga nos fogares por todo o país xa está provocando que moita xente prefira volver ao rural é bon porque nas aldeas o terreo para levantar unha casa é gratis e tamén hai terras gratis para emprender un cultivo. As condicións de vida no campo xa non son peores que na cidade.

Gustaríame pensar que Macky Sall e o goberno de Senegal teñen unha estratexia, porque en Europa semella que os gobernos non a teñen, que no norte a vida dos pobres vai seguir en punto morto mentres quen ten o poder (e suponse que tamén debería ter a vontade) para mudar as cousas fica na dúbida permanente, na inacción, nunha ficción que non sente a dor do mundo. Será cousa do frío dos malos tempos que se mete no corpo e conxela os espíritos.
 

Comentarios