Opinión

Lembra: digor, jasew, sone…

Na miña aldea, alá no Senegal, temos un canto para lembrar as árbores da sabana. A lista é de dezasete. Memoriceina de neno: digor, jasew, new, alom, sone, ndimbrow, jay… 

Cantabámolo na escola, cantábano os mestres, mesmo os mestres na universidade. Todas as xeracións coñecían o nome das árbores grazas ao canto. Sabíamos para que servían as árbores, os froitos que alimentaban e os que curaban enfermidades. A lista parece longa, pero na sabana había moitos tipos árbores, moitas máis que dezasete. Agora hai menos. Moitos menos.

Os meus fillos non coñecen ese canto. Quizá o escoitaron algunha vez, pero non o coñecen porque xa non precisan del. A lista reduciuse moito. Cando eu era neno había árbores a cen metros da saída da aldea, había plantas e había animais. Pero desapareceron as árbores. E desapareceron tamén as plantas e os animais. A seca trouxo o deserto máis perto das casas. Iso é África no Sahel. Hai árbores que eu coñecín que os meus fillos nunca viron nin verán.

Cantabámolo na escola, cantábano os mestres, mesmo os mestres na universidade. Todas as xeracións coñecían o nome das árbores grazas ao canto

 

Unha árbore é fermosa. Unha árbore dá froitos, dá sombra, acubillo, madeira, papel e leña. Unha árbore é un porto, fai compañía e trae a chuvia e o ar que respiras. Son follas, e paxaros e humus e saúde. Son chíos. É tacto. A sombra, a leña, o refuxio, as cores e a cortiza son beleza e a beleza é a vida.

Os meus fillos nunca coñecerán o digor nin o jasew nin o sone… a menos que topen, por azar, moi lonxe da aldea algún exemplar de alguén que rescatou a semente porque o froito ou as follas curan. É raro. Será lonxe da casa.

Cando vexo as imaxes dos lumes, dóeme. Arde a vida, morren as árbores, as plantas, os animais, e a xente pasa medo e sofre e mesmo morre xente. Morren. Morre unha parte da terra, a paisaxe, calcinada, fica cinza. O máis triste son os ollos tristes dos animais que non saben como defenderse. Sabemos nós? Canta vida, canta beleza morta. As árbores desaparecen da paisaxe, e logo dos cantos, e despois da memoria, e todos somos máis pobres, menos sabios, menos humanos.

Comentarios