Opinión

O home libre que eu non son

Presentín naquela ollada un fondo cariño. Era un pai que miraba o seu fillo. Un pai galego e un neno galego cos trazos e a cor dos nenos de outras terras de moi lonxe. Pensei no meu fillo cun cariño fondo como o daquel pai. Hai xente boa no mundo, pensei, que leva adiante actos de substancial humanidade. Ao día seguinte ía poder abrazalo, o meu fillo. Sentín unha agulla no peito. Eu nunca sería quen de entregalo en adopción, nin sequera a un home bo como este pai galego. Terminei o café e marchei matinando á présa nas razóns. 

As mulleres e os homes que adoptan crianzas son admirables. Probablemente son as xentes máis sensibles e con máis coraxe fronte á dor do mundo. Nalgún momento tiveron que resolver un dilema entre o ben e o dano que causarían. Un dilema que lle vén dado pola cultura á que pertencen. Para min, a ruptura sería insufrible. Non hai dilema no caso das familias pobres do Sur físico ou social: se hai ruptura, hai sufrimento.

Cada nena e cada neno adoptados por unha familia do Norte é unha perda para unha familia do Sur. Unha boa acción que provoca unha dor

En xeral, cada nena e cada neno adoptados por unha familia do Norte é unha perda para unha familia do Sur. Unha boa acción que provoca unha dor. Falar disto resulta incómodo para todos. Eu estou aquí, renunciando aos meus fillos, para non os perder. Teño amigos que trouxeron os seus fillos e pensaron que aquí se botarían a perder e botarían a perder a familia.

A familia é a nosa unidade de vida. O ben básico. Por ela estamos aquí. Se hai que salvar algo, son as familias; e se hai que sacar as xentes dalgún sitio, non é do seu lugar, é da pobreza. Todos os pais do mundo queremos o mesmo para os nosos fillos: contextos de paz e tranquilidade, esperanzas certas de que cheguen a desenvolver unha vida mellor. O primeiro acto de humanidade debería ser atender os bens básicos que desexa protexer cada comunidade no mundo máis alá deses dereitos xenéricos como individuos. Dereitos que non impediron a dominación. Falar diso pode resultar incómodo, mais é preciso que nos escoitemos. 

Hoxe abrazo o meu fillo e penso nel coma o home libre que eu non son. 

Comentarios