Opinión

Forza de traballo sen forza

Hai titulares ben ridículos. Alguén chamou a atención sobre este da semana pasada: “A recuperación económica non se nota en 70% dos fogares”. E preguntábase si se pode nomear como “recuperación” o estado das cousas cando a maioría da xente o que experimenta é unha regresión.

Falaba o xornal dun informe de Cáritas, esa institución de beneficencia á que acoden pobres sen emprego e tamén, cada vez máis, traballadores con salarios que non alcanzan para cubrir todas as necesidades de comida ou roupa.

Debaixo das cifras os informes agochan pequenas miserias, sufrimentos constantes, diarios, desde que te ergues pola mañá até que deitas pola noite sabendo que vas durmir mal e que ao día seguinte a cousa vai seguir igual de mal. 

Para comprender o que significa cada cifra hai que mirar ben para elas, concentrados como se o estómago vos estivera pedindo comida e non hai, con esa atención que esixe a fame para si, e empezaredes a entendelas. 

Nós, os inmigrantes, nin sequera aparecemos en moitas das estatísticas. Pero comprendémolas ben. Sabemos o que sofren as 30.000 persoas que se renderon e xa non buscan emprego porque son vellos ou non se senten preparados nin para converterse en escravos. En realidade, un escravo non se rende.

Sabemos o que sofren as 30.000 persoas que se renderon e xa non buscan emprego porque son vellos ou non se senten preparados nin para converterse en escravos

 

Cada vez que lle preguntan á xente cal é o problema, a xente di desemprego e pobreza. Pasa desde 2008, dise pronto. Nove anos xa. E mentres seguen a inventar relatos fabulosos sobre o crecemento do PIB e a baixada do desemprego.

Cada vez que miro unha estatística, empezo a buscar a miña categoría, a ver si aparezo. Por exemplo, nesta dunha empresa de traballo temporal que di que na Galiza hai 29.700 desempregados que superan los 55 años, que 7 de cada 10 non esperan volver traballar, que 62% son parados de larga duración, que 40% teñen fillos ao cargo... Poden encher Balaídos ou Riazor con nós. 

Somos forza de traballo sen forza. Abandonados a nosa sorte. 

Despois busco outras categorías que non aparecen as estatísticas. Inmigrantes que traballan no campo, cobran 4 euros á hora, traballan de noite, pagan o transporte desde Coruña ao traballo, pagan a roupa, os zapatos de traballo, non poden denunciar as súas condicións, son ilegais ou ficarían na rúa. Cobran entre 500 e 600 euros ao mes. Pagan o alugueiro, a auga, a luz, comen mal e sempre conseguen mandar algo á casa.

Inmigrantes que traballan no campo, cobran 4 euros á hora, traballan de noite, pagan o transporte desde Coruña ao traballo, pagan a roupa...

 

Forza de traballo sen forza. A alternativa está na venda ambulante.

E nas feiras o que pasa é isto: os concellos cobran caros os postos e queda pouca ganancia cando hai. Podes quedar sen unha soa venda. Ou que o que gañas dáche para o carburante e a comida do día. Sen aforro non podes renovar a mercancía, e non vendes.

Choramos, si. Non hai mellora por ningures. Por aquí abaixo non se ve mellora ningunha. E sabemos que non por moito dicilo vai mellorar a cousa. Mentres tanto imos recompilando o noso propio dicionario da crise, imos inventando palabras para eses 30.000 que non poden renderse (que máis quixeran!), para eses 29.700 que non teñen máis ca unha esperanza infundada (de ilusións tamén se vive), para nós os inmigrantes atrapados nun círculo de miseria… somos forza de traballo sen forza.

Comentarios