Opinión

O dilema de Europa: compartir refuxiados ou compartir a riqueza

Estes meses no Senegal hai unha carreira das multinacionais con intereses no petróleo por conseguir os contratos de explotación duns xacementos que van aparecendo. Será porque Maky Sall, o presidente do país, é xeólogo de formación; será porque os recursos fóronse esgotando noutros países, pero o certo é que no Senegal a terra está repartíndose para facer prospeccións, non só buscando petróleo. O país está en venda. 

A min resúltame curiosa esa atracción dos occidentais, en especial dos europeos, polas riquezas que agocha a terra de Senegal e en xeral de todos os países de África. É notábel que non lle teñan o mesmo cariño á xente de África. As riquezas, si; pero as poboacións, non…

No Senegal a terra está repartíndose para facer prospeccións, non só buscando petróleo. O país está en venda

 

Nas últimas semanas outra crise humanitaria parece instalarse nas fronteiras de Europa. En realidade, a crise nunca desapareceu. Pero estes días volve aos telexornais. O caso do Aquarius revela algunhas cuestións sobre a actitude de Europa diante do problema. Primeiro: está ben que o novo goberno socialista en España teña acollido o barco, porque indica que o PSOE conserva certa sensibilidade en asuntos humanitarios que o distingue do PP. Segundo: Italia logrou unha vitoria política fronte ao resto de socios comunitarios, porque o que quere conseguir Italia é que os inmigrantes e refuxiados se repartan entre todos e non fiquen só nos países de entrada. Terceiro: a compaixón das ONG volveu evidenciar a indiferenza dos dispositivos policiais e militares de control de fronteiras, a única política de Europa segue sendo a do control. Cuarto: a presión migratoria puxo enriba da mesa a posibilidade de levar os centros de internamento fóra das fronteiras de Europa, Italia explorou, por agora sen éxito, esa vía en Libia. Quinto: todas as solucións, mesmo a proposta anterior, conducen ao mesmo erro, son solucións provisorias a un problema, o das guerras e a fame, que Europa provocou e para o que non soubo ter preparada unha resposta.


No fondo, o que revela o asunto do Aquarius e toda esa crise posterior é que o Norte non ten solucións para o Sur. Europa está tensa porque os socios queren forzar un reparto da carga, iso somos inmigrantes e refuxiados, pero non está disposta a ningún tipo de reparto da súa riqueza connosco, co Sur.

O que revela o asunto do Aquarius e toda esa crise posterior é que o Norte non ten solucións para o Sur

 


Reparade de novo nas contradicións: gústanvos as nosas riquezas, pero non vos gustamos nós; estades dispostos a acoller a vosa parte de carga de pobres inmigrantes, pero non a repartir con eles (enténdase, a repartir a riqueza do mundo con aqueles países) os vosos bens.

Que esperades de nós? Que nos deixemos roubar e admitamos o desprezo? Hai un problema, está na raíz, pódese solucionar alí: sen guerras, sen explotación. 


 

Comentarios