Opinión

Tres comidas en Corme

A sociedade galega é moi aberta, o que constitúe un factor de integración moi positivo para nós, os emigrantes. En xeral, no primeiro contacto, a xente fálache en galego e anímate a falar, ou polo menos, a comprendelo como un paso indispensable cara á integración. Hai moita xente que se interesa tamén polas nosas linguas. Pregúntanche como se di tal cousa no teu idioma? E se volven verte, te saúdan con esa expresión.

Algúns senegaleses teñen fillos con mulleres galegas. Uns como parella, outros como matrimonio. Isto é impensable en Valencia, por non ir máis lonxe. Así mo contaron compatriotas que viven alí. Pero aquí, en Galicia, as mulleres, as nais e avoas, son tan piadosas como as senegalesas coa xente como nós que temos lonxe ás nosas familias.

Unha vez en Corme, fai tres anos, unha señora, unha avoa, viume montar a tenda desde a súa xanela. Era moi cedo. Cando terminei de montar, ela baixou co almorzo, e díxome que me traería a comida e a cea. Así foi durante os tres días da festa. Non me dixo o seu nome. Un dos meus compañeiros na venda ambulante, máis veterano que eu, díxome que alí en Corme ocorréralle o mesmo con outra avoa. As mulleres maiores adoitan ser moi sensibles á nosa situación.

No Senegal cremos que os fillos e os descendentes daquela persoa que axuda a outras en situación de necesidade nunca sufrirán necesidades.

En calquera feira ou festa de Galicia, na rúa, as mulleres están máis atentas ao que nos sucede cando a Policía ou a Garda Civil están a falar connosco. Están sempre preparadas para defendernos. Tamén moitos homes maiores. Hai cousas nas que as persoas de máis idade fíxanse máis. Vennos coma se fósemos os seus propios fillos. Era igual nos bos tempos, antes da crise. Igual que hoxe.

Outra vez, en Cee, non había moita venda e eu estaba cos brazos cruzados. Unha muller achegouse, deume 5 euros e marchouse rápido. Ela estaba sentada nun bar e observábame. Deulle pena que non houbese venda e decidiu axudar.

Chamei desde Francia a un amigo que vivía en Murcia, e díxome que Galicia era o mellor sitio para os emigrantes irregulares

No Pedroso, nunha festa, xa ás catro da madrugada, un grupo de mozos estaban a romperme os ferros da tarima. Enfronteime a eles con palabras e empurróns. Un do grupo acougou o enfrontamento. Despois pasou outro grupo de mozos e explicáronme que estaban a vixiar a situación e listos para intervir no meu favor.

Hai moitos empresarios que axudaron ós senegaleses a obter permiso de residencia a través dun contrato de traballo, ou mulleres que se casaron ou conviven con compatriotas o que tamén lles permitiu a eles ter o permiso.

Cando estaba camiño de España, chamei desde Francia a un amigo que vivía en Murcia, e díxome que Galicia era o mellor sitio para os emigrantes irregulares. Hai menos controis e expulsións. Iso noteino e sigo notándoo no trato da Policía e a Garda Civil. Son xente moi boa a pesar de que ás veces as normas obríganlles a facer o seu traballo.

A pesar dos incidentes illados, a sociedade galega é unha comunidade humanista e exemplar. A xente tenta identificar cales son os problemas dos inmigrantes e ofrecerlles solucións. 

Este texto viu a luz no blogue do autor.

Comentarios