Opinión

As bestas

Eu teño un cabalo desde hai catro ou cinco anos, comprouno meu irmán, costou uns cento cincuenta euros. Era un cabalo novo, pero tiña que medrar para poder traballar. Estivo un tempo, case un ano, na casa, comendo e trotando, atado cunha corda alí fóra. Converteuse nun cabalo forte e tranquilo, de cor pardo, e moi intelixente. Respecta a meu irmán e a Dame, meu fillo pequeno, a min non me coñece. O sábado Dame vai co cabalo a coller auga dunha fonte porque é mellor auga ca da traída. O domingo, durante o curso escolar, Dame leva súa irmá maior, Sokhna, até Gawane. Son sete quilómetros e pico. Van no carro tirado polo cabalo. Normalmente cun amigo de Dame. Deixan a Sokhna, que estuda secundaria alí, e volven. Durante a sementeira, durante a colleita, cando chove ou cando fai sol, o cabalo non para. No rural senegalés, toda familia precisa un cabalo. É imprescindíbel. Serve para todo o que dixen e para moitas máis cousas. Axuda nas tarefas do campo, no transporte, e é tamén un taxi. En Gade non temos coches e o transporte público non funciona nin os mércores nin os domingos. Costumes nas aldeas. Se por calquera motivo hai que viaxar un mércores ou un domingo, o normal é facer uso do cabalo. Case todas as familias teñen un, mesmo algunhas teñen dous. Pero tampouco pasa nada por prestalo. Pasa cando hai defuntos nas aldeas próximas, a xente precisa dos cabalos para moverse. E tamén cando hai festas na contorna. 

Un amigo de meu pai que vivía nunha aldea veciña tiña unha egua. O fillo do amigo de meu pai pasaba por Gade coa egua camiño dun pozo. Daquela non era fácil topar auga e había que moverse. Un día o rapaz tendeume a man (sen estribo) e montei. Era pequeno e tiven medo. Así aprendemos todos. Lembro cando meu pai comprou o noso primeiro cabalo. Eu tiña a idade que ten hoxe meu fillo. Era un cabalo negro, nervioso. Non era malo, pero era desconfiado e iso facíao perigoso. Sementabamos todo coa mans, só uns poucos tiñan cabalos para traballar a terra. Meu pai estaba moi contento co cabalo porque era bo traballando. Eu marchei estudar fóra e o cabalo vendérono. Compraron outro, unha egua. Desde entón sempre houbo cabalos na casa.

Lembro cando meu pai comprou o noso primeiro cabalo. Eu tiña a idade que ten hoxe meu fillo. Era un cabalo negro, nervioso. Non era malo, pero era desconfiado e iso facíao perigoso

 

Ningún daqueles cabalos tivo un nome. Non llo puxemos. Non é costume en Senegal andar poñéndolle nome aos animais. Alá os únicos cabalos con nome son os de carreiras. O trato cos animais é diferente en Senegal. Os únicos cans adestrados, e con nome, son os da policía e os do exército. Os cans, por suposto, andan soltos pola aldea. E cando están na época de celo, desaparecen durante días.

Se tivera que poñerlle un nome a meu cabalo, chamaríalle O Valente (Ndiambar). Penso nesas persoas sen nomes que son fortes, intelixentes, constantes e cruzan desertos e mares e veñen aquí a traballar como bestas. 

Comentarios