Opinión

A lista

A ListaÉ unha lista de traballadores da ferralla e do formigón no porto exterior da Coruña. Hai nixerianos, mauritanos, peruanos, guineanos, españois, senegaleses, alxerianos, marroquís e algunha outra nacionalidade. É unha anotación das débedas dunha empresa que constrúe as grandes pedras que pouco a pouco van ampliando a superficie do porto.

A empresa deu en creba e os traballadores están a espera de cobrar polo que suaron. As pedras quedaron feitas, pero o traballo de duascentas persoas non se pagou. É a relación da xente, a maioría inmigrantes, que constrúe coas súas mans unha das grandes infraestruturas do país.

Os homes que gañaron terreo ao mar e traballaron para asentar esa conquista son case todos africanos e latinoamericanos. Man de obra forte, sacrificada, calada… son quen de traballar 12 horas durante oito, nove ou dez días seguidos en quendas de mañá ou de noite, xunto ao mar, contra o mar.

Son man de obra barata para maior beneficio das empresas que aínda así creban. Son traballadores que se senten desprotexidos pola lei. Que desconfían dos sindicatos. Que dormen pensando en se ao día seguinte haberá traballo e, cada fin de mes, salario.

Son nomes nunha lista de xente sen medo que viaxou desde o seu país para gañar o pan con suor e sacrificio. Son persoas esquecidas nos comentarios da prensa sobre o avance das obras no porto, nos comentarios da prensa sobre as grandes magnitudes das obras no porto, nos comentarios sobre as oportunidades que traerá o porto.

“As obras marchan a bo ritmo”, din os titulares dos xornais. Pero por ningures aparece unha soa liña contando cal é a situación das persoas que cargaron ca parte máis dura do traballo, que súan e pasan frío e comen alí en casetas, que van e veñen en autobús, que moran de a catro e a cinco en pisos baratos gastando o mínimo para aforrar e enviar cartos a casa.  E non cobran. Pero seguen traballando, esperanzados, porque a empresa en creba foi substituída por outra empresa que se fai cargo da contrata e por riba de todos eles hai unha multinacional que é suxeito de titulares en prensa polas súas cifras de negocio e nunca pola incerteza que produce a explotación.

A lista é unha denuncia da explotación laboral máis clara canto máis escura é a pel dos explotados. A lista é o mellor artigo que lle podo enviar a través de Internet aos meus fillos e aos fillos do Senegal. É un sinal de alerta. Aquí nós cargamos co traballo e uns poucos levan os cartos. Aquí igual que alí. Nesta lista podería estar a metade ou máis da humanidade, esperando a fin de mes para saber se pode seguir vivindo.    

Comentarios