Opinión

Xela e Valetín

Foron mans e alma de toda forma de creación en galego coma un acto fermosamente  xeneroso,  nun tempo no que eles sabían que era necesario chantar as pedras basilares dunha Terra tan mancada. Eles sabían que  Galiza non podía ser arbore sen raíz .

Convocámonos á celebración da memoria viva de dous seres queridos  e admirados que crearon coa palabra, que en galego fixeron nosas outras literaturas que soñaron para xeracións futuras o soño de sermos donos do noso futuro. 

"Foron mans e alma de toda forma de creación en galego coma un acto fermosamente  xeneroso,  nun tempo no que eles sabían que era necesario chantar as pedras basilares dunha Terra tan mancada".

Foron mans e alma de toda forma de creación en galego coma un acto fermosamente  xeneroso,  nun tempo no que eles sabían que era necesario chantar as pedras basilares dunha Terra tan mancada. Eles sabían que  Galiza non podía ser arbore sen raíz .

Vimos de toda a nación a nos acoller nestas terras,  a casa que con eles é fogar, na que conflúen os camiños e fan o camiño interior , o que trae do lonxe das terras que son serra viva alta, os ecos dos poetas queridos dos amigos e amigas e compañeiros que veñen do mar, da banda do mar e traen abrazos de espuma, de onda mariña arrecendente de sal e lúa de area e vento mareiro e mascato.

Veñen tamén da cidade cuxa alma forma parte da poesía de Xela, a cidade coma un ser que respira que alenta e latexa o seu corazón colectivo. 

Eles que construíron sobre as sólidas trabes de perpiaño do idioma  noso,  o destino dos humillados ,dos desposuídos desta terra. Nesa mesma pedra hoxe insculpimos os seus nomes, querémoslle dar así memoria á casa  que os acolleu que os abrazou  e foi fogar e que hoxe  facemos fogar da memoria viva desta terra.

Xela,  é a poeta que sabía da importancia de que todo toda poeta debe vivir á intemperie, só así na vulnerabilidade que dá a intemperie,  o corpo e os sentidos son sometidos ao devir das estaciones cos seus ciclos de  vida coas luz  e a súa sombra. Da calideza que acariña  e do frío que agrieta o delicado pel  do corpo  e o sentir da poeta.
                                                                       
Chama por nós nos seus poemas convidamos "ao non ser para ser todo ". Convidamos a nos ver a nós propios. A súa poesía danos na man o mapa  para seguir as pegadas do noso propio ser. Ela nos seus poema foi deitando  no chan os  pequenos  e humildes brancos cantos rodados para nós non nos perder  no camiño de regreso.
                                                                                            
Nos seus poemas denudase para nos invitar a nos denudar de todo aquilo que non permanece que non deixa pouso nos afectos.

Pídenos erguermos en labarada os sentidos para percibir a beleza do que non é oco artificio do que non é alienada verdade manipulada.

O noso idioma, a antiga lingua nosa, é para ela prolongación do propio corpo da nosa propia sustancia terreal .

A reivindicación do corpo coma lugar no que a vida deixa as súas pegadas de ledicia e de dor.  O corpo coma lugar no que a sociedade concreta a súa alienante represión sobre a muller e en consecuencia o lugar de reivindicación de todo o que lle é negado. 
  
Mais a poética do amor e do desexo que desenvolve nos seus textos é da mais rica e fértil complexidade  e vai mais aló da simples reivindicación do propio corpo e denuncia as capacidades de destrución  de perda de independencia por se querer realizar coma suxeito de amor e de desexo, mesmo denuncia a banalización do amor pola súa institucionalización social coma rito oco  coa súa perda de verdade. 

Sempre alerta Xela está a denunciar en fin todo arredor do amor, do corpo, do desexo, do fogar, do matrimonio e cos ollos ben abertos fronte dos que ollan á muller coma algo posuíbel.

Escrebe poemas que nos convocan contra da alienación, a súa voz poética canta contra o que é rutina asfixiante e empobrecedora, mesmo das inamovíbeis certezas da orde social Pídenos en fin coa súa radical humanidade  que tomemos as rendas do noso propio destino e por iso dinos que a vida vai en serio.
 
Cando ela reivindica a desorde faino disolución do Vella orde social e persoal para crear unha Nova orde. E como non, fermosa e clarificadora é a súa aportación coma a poeta que segue a ser cando é nai e  escrebe Darío a diario.

"O noso idioma, a antiga lingua nosa, é para ela prolongación do propio corpo da nosa propia sustancia terreal"

Así, abriu  camiños hoxe felizmente transitados polas xeracións que viñeron despois dela. Viviu o seu tempo xeracional que é o meu insubornable no seu eu de muller da estirpe daquelas que non cantan as pombas e as flores que dicía Rosalía ao tempo que estaba atenta  ás necesidades da construción dun sistema literario que estaba dar á luz e desenvolvía a súa propia viabilidade editorial. 

Deixounos dito o seu pai Valentin ao falar de Xela "Tan intensas e punxentes como as súas arelas de liberdade, independencia e xustiza, eran nela o sentido e mais a práctica da solidariedade”

Xela Tivo bos mestres, querida Amparo e Valentín. El foi un dos bos e xenerosos nos que o noso himno afirma a nosa vontade  de futuro insubornable coma pobo. El foi un dos os construtores da nosa conciencia nacional, coma creadores da patria dos que traballan en mancomún, dos que habitan a casa colectiva dos soños mais xenerosos dos que sementan a verdade desta Terra coma eido fértil e fan desta Terra a Terra da fraternidade a Terra da tenrura.

No desenvolvemento de cada unha das súas capacidades , Valentín foi un construtor da nación. Con el, o que comezou a ser non foi algo perecedoiro  e non murchará coma flor  senón que segue a brotar coma unha galla da arbore do tempo e que, coma a luz deste día de setembro, permanecerá .

O traballo de homes mulleres coma el, coma ela, farán que algún día non moi lonxincuo o labor de escribir e traducir e de editar, teña a normalidade do traballo do panadeiro que  amasa o pan de cada día, coma redondas e efémeras eternidades. Coma o canteiro que talla a pedra máis intima.

Intervención de Cesáreo Sanchez Iglesias na homenaxe da AELG a Xela e Valentín Arias. 

Vilerma- Maside- Sarria

Comentarios