Opinión

Sobre 'As bestas'

Comezarei cunha premisa  creo que pouco discutible: os media dominantes impoñen os seus criterios e a  publicidade previa dos filmes acaba por converter unha ‘peli’ enganosa e normal nun fito cinematográfico.

Creo que isto se lle pode aplicar de xeito ben evidente a unha película como As bestas

E ainda máis. As 17 nominacións coas que acaba de ser premiada para concorrer aos Goya deste ano, servirán para amplificar este seguidismo maioritario que ao igual que no caso de El buen patrón, poderá garantir un éxito do que, ollado de perto, é so unha película bastante mediocre.

Din as criticas dominantes e o ‘run run’ da rúa que As bestas é unha fita que acada unha atmosfera desacougante.

Pode ser. Pero na miña opinión e en relación con iso, cómpre aclarar que tal afirmación dependerá da ollada de cada quen e do que esa ollada garde na súa memoria cinematográfica.

Porque diso falamos, de cine. Do que ollamos, non do que din que ollamos, do que atopamos nas imaxes, non do que lemos ou escoitamos sobre elas

Creo que o peor erro no que se pode incorrer cando nos achegamos criticamente a unha película, é analizala dende premisas ou criterios que están fora dela.

As películas cómpre analizalas polo que son e non polo que nos gustaría que fosen.
  
Voltando ao desacougante que din que ten a atmosfera de As bestas eu, francamente, non o percibo así.

Desacougante é a atmosfera de A noite do cazador de Laugthon , a da Cinta Blanca de Haneke ou a de calquera Polansky, poñamos por caso O quimerico inquilio ou La semilla del diablo.

As bestas é, simplesmente, unha mala copia, un pueril intento. Moi publicitado, iso si.

Quen non leu a Walter Scott, Salgari, Verne, Melville ou Stevenson pode pensar que Perez Reverte é un bo novelista no seu.

Porén, non abondan as teses doutorais sobre as súas novelas.

Ao meu ver na fita de Sorogoyen asistimos a un "deja vu" continuo, previsible e de escaso interese.

Un deja vu  amplificado con motivos musicais condicionantes do animo (Buñuel e Bergman case non empregaban bandas sonoras na súas películas)  onde todo chega cando xa sabes que vai chegar e cunha moi evidente débeda ao espírito  do western (o acoso do colono polo indio) mesmo por momentos na planificación.

Canto ao tan loubado guión, fágome unha  pregunta cuxa resposta contribúe a desmontar as virtudes dun guión construído, seguramente, coa zona mais estéril do cerebro dos seus autores.

E a pregunta é: onde quedou no derradeiro tercio do filme  o problema das eólicas?

A súa instalación (ou non) no territorio onde se desenvolve o drama é o que  provoca  a inquiña e o crime dos Anta,  xa que os irmáns matan por diñeiro e para saír de alí.("quen vai casar con nós e o noso cheire a merda")

Por iso a súa desaparición do centro do guión (das eólicas, digo)  por parte do capricho de Sorogoyen, da a autentica dimensión do fiasco do filme.

Sería como se o Rosebud de Welles desaparecera do "Citizen Kane" a metade do metraxe ou a busca do Grial quedara ausente nos 50 minutos finais do "Excalibur" de Boorman.

Por non falar xa da falta de consistencia do personaxe que encarna Luis Zahera, un bo actor que aquí sobreinterpreta de xeito desatado

O personaxe de Zahera é o dun tipo que leva 52 anos no monte "que cheira a merda", pero que sabe exactamente o ano en que deixou de funcionar a guillotina en Francia. Para nota.

Para finalizar, creo que non seria difícil ver en As bestas a interpretación de que Galiza é un caso aparte, un país diferente, máis non pola súa lingua e cultura senón polo seu primitivismo brutal.

Isto é o que, mesmo contra o desexo dos seus creadores, pode transmitir AS BESTAS,  película a través de cuxa visión, ao mellor, algúns poderían preguntarse se a solución implícita ao conflito que trasunta o filme estaría en urbanizarse e seguir o modelo do colonizador.

Comentarios