Opinión

Non ao neoliberalismo

Nestes tempos de hexemonía neoliberal e de auxe da economía de mercado todo se mide dende un punto de vista económico, as relacións humanas mercantilízanse e predomina o individualismo salvaxe, o beneficio económico e as ganancias das grandes transnacionais por riba da vida humana, dos dereitos humanos, da solidariedade internacionalista, da xustiza social e do medio ambiente.

Predomina a 'financiarización' da economía, o predominio do mundo das finanzas e o individual sobre o colectivo nun pensamento único imposto como se non houbese alternativa.

As democracias baléiranse de contido, os dereitos quedan reducidos a meras mercancías e a obxectos de consumo, exemplo de sociedade de mercado na que terán dereitos quen poida pagalos, predominando o privado sobre o público.
Os estados quedan reducidos á mínima expresión para ter menos Estado e máis Mercado, para acabar co papel regulador dos estados que busca contribuír e rematar coas desigualdades sociais.

Unha sociedade neoliberal precisa conformar persoas profundamente individualistas

O obxectivo é pasar dunha economía de mercado a unha sociedade de mercado onde se privatizan salvaxemente os servizos públicos, o poder político está subordinado ao poder económico, mandan as grandes supranacionais e quen non se presenta a eleccións democráticas (grandes empresas, oligarquías financeiras, elites económicas). A cidadanía e os dereitos son percibidos como meras mercancías intercambiábeis. As organizacións políticas socialdemócratas ou supostamente de esquerdas non son tal, convertéronse en produtos de consumo e de marketing. Derivaron en social liberalismo. Os medios de comunicación son simples altofalantes e correas de transmisión dos intereses da banca, das grandes empresas e das elites financeiras e interesa conformar unha cidadanía apática, manipulábel, insolidaria, consumista e empresaria de si mesma, competindo continuamente entre ela nun salvaxe darwinismo social.

Unha sociedade neoliberal baseada nunha economía de mercado precisa conformar persoas neoliberais, profundamente individualistas, capitalistas, consumistas, mercantilistas, utilitaristas, narcisistas, egocéntricas caldo de cultivo dun perigoso fascismo social.

O neoliberalismo non é so un proxecto económico senón cultural, político e social ao servizo dos intereses de clase dunha minoría privilexiada (loita de clases) senón que é, tamén, un proxecto profundamente imperialista para facer impoñer os intereses económicos, xeoestratéxicos, políticos, mediáticos, militares, empresariais e de clase dunhas nacións sobre outras; para someter non só unha clase social sobre outra senón unhas nacións sobre outras (imperialismo puro e duro).
O neoliberalismo colonizouno todo, dende as mentes ata os lugares de socialización, converteuse nun sentido común, nun mundo onde cada día se incrementan máis e máis as desigualdades sociais por decisións políticas; onde o poder e a riqueza se concentran cada vez en menos mans.

O neoliberalismo, que é a ideoloxía do capital, estende os seus tentáculos non só a intelectuais orgánicos ao seu servizo (xornalistas, comentaristas, dirixentes políticos) senón tamén aos medios de comunicación de masas, á universidade, ás escolas, ás institucións públicas, ás administracións, ás organizacións políticas supostamente de esquerdas (por exemplo, aos partidos socialdemócratas), ás organizacións sindicais supostamente de clase traballadora, á prensa escrita, programas de TV, da radio, xornais, revistas, redes sociais.

Fronte ao neoliberalismo formémonos cultural, sindical e politicamente. Organicémonos dende a sociedade civil, nos movementos sociais, no movemento feminista, ecoloxista, nas asociacións veciñais, culturais, estudantís, nas plataformas cidadáns na defensa do ensino e a sanidade pública, nas PAHS, en Stop Desafiuzamentos, nas plataformas de pensionistas, nas organizacións políticas de esquerdas (UPG, BNG, etc.) nos sindicatos de clase (CIG, etc.), nas radios libres e comunitarias, nos centros sociais...

Os nosos dereitos e as nosas vidas dependen diso, xa que morremos cando gardamos silencio fronte as inxustizas.

Comentarios