Opinión

Manuel María e Portugal

A Fundación Manuel María de Estudos Galegos ten entre os seus obxectivos dar a coñecer o legado do escritor que lle dá o nome. Isto inclúe tanto a reedición das súas obras xa publicadas e esgotadas canto a edición de traballos aínda inéditos e doutros documentos de interese para un mellor coñecemento da personalidade, da obra e da actividade en prol da cultura galega do escritor chairego. Neste sentido, é de interese a correspondencia que o autor mantivo con outros escritores galegos, da cal a fundación xa tirou do prelo as cartas intercambiadas con Otero Pedrayo e con Neira Vilas. Fican moitas máis, claro está, con outras personalidades do país, que aínda están á espera da súa edición e estudo.

No entanto, Manuel María tamén mantivo intensa relación epistolar con outras autoras e autores de fóra da Galiza, a destacar de modo especial a que cultivou con persoas do ámbito literario portugués. Eran xa ben coñecidas as súas frecuentes viaxes polo país veciño, case sempre acompañado de Saleta, pois el mesmo se ten referido a elas, mais sorprende a intensidade desas relacións cando se contempla o volume da correspondencia existente ao respecto na documentación custodiada nos arquivos da súa Casa-Museo en Outeiro de Rei.

Será a lectura das misivas a que nos ha dar a verdadeira dimensión da rede de amizades e complicidades que o noso autor teceu co mundo cultural portugués

Para nos facermos unha idea do que estamos a falar chega con dicir que están catalogadas máis de 600 cartas que o poeta recibiu con carimbo de Portugal, a maioría procedentes de personalidades da cultura lusitana e algunhas de entidades e institucións pertencentes tamén a este ámbito cultural. En total son uns 75 os correspondentes do país veciño dos que se conserva algunha carta dirixida a Manuel María, embora irregularmente repartidas, pois dalgúns hai só unha e doutros moitas, como é natural. Entre eses correspondentes hai autores e autoras tan relevantes como Hélia Correia, Wanda Ramos, Miguel Torga, José Saramago, Rodrigues Lapa, Egito Gonçalves, Hugo Rocha, Viale Moutinho etc. Debe destacarse de modo especial a intensidade da relación epistolar con Francisco José Velozo, con José Carlos González, con Manuel de Oliveira Guerra ou con Maria Alexandrina Santos Teixeira, entre outras.

As primeiras cartas conservadas datan do ano 1960 e as derradeiras de 2003, de modo que a correspondencia abranxe fundamentalmente as catro décadas finais do século XX, cun promedio de cerca de 150 cartas recibidas polo autor en cada unha delas, bastante regularmente distribuídas, ás cales hai que acrecentar unhas 20 dos primordios da actual centuria. Estes números aproximativos cuantifican de modo frío os vínculos de Manuel María con Portugal, mais será a lectura das misivas a que nos ha dar a verdadeira dimensión da rede de amizades e complicidades que o noso autor teceu co mundo cultural portugués, ben como o inmenso labor de divulgación e promoción da lingua e a cultura galegas que levou a cabo no país irmán, perante o cal axiu como verdadeiro embaixador dunha nación galega en reconstrución, tarefa en que el propio estaba firmemente comprometido e á que dedicou toda a súa vida.

Pola relevancia desa divulgación da Galiza en Portugal e de aproximación cultural entre dúas nacións cunha orixe común que Manuel María levou a cabo, a fundación visa pór ao descuberto todo ese labor feito por el e, no posíbel, restaurar aquelas redes de relacións que o autor foi tecendo ao longo dos anos. Preténdese así que a lingua e a literatura galegas aumenten a súa presenza en Portugal, ao tempo que o portugués e a literatura nese idioma que nos aproxima poidan incrementar tamén a súa visibilidade na Galiza.

Para cumprirmos estes obxectivos, a fundación ten a vontade de editar esa importante correspondencia, que sería o primeiro paso para iniciarmos un proceso de colaboración con outras entidades similares de Portugal, empresa que, con certeza, sería do agrado do noso autor.

Como na vida e na obra de Manuel María, tamén no epistolario portugués deste ten unha gran relevancia a figura de Saleta Goi, compañeira inseparábel del e presidenta da súa fundación que, infelizmente, nos acaba de deixar. Descanse en paz.

Manuel Ferreiro e Xosé R. Freixeiro
Membros do Padroado da Fundación Manuel María de Estudos Galegos

Comentarios