Opinión

'Pobres ricos', por Francisco Maceira

Os meus pais intentaron inculcarnos unha serie de valores básicos para andar pola vida. O traballo, o respecto, a palabra, o esforzo… Para fomentar este último abríronme hai anos unha libreta de aforro na Caja Postal, actual BBVA. A mesma entidade que lle acaba de suprimir a meu pai a libreta física para ofrecerlle unha tarxeta “moito máis cómoda”. Pareceume un insulto. Unha falta de respecto. É indecente ofrecerlle a un nonaxenario unha tarxeta de plástico en vez da cartilla de toda a vida.

O banco empezou a cobrarlle a meus pais comisión de mantemento mentres pagaba 10,3 millóns ao ex comisario Villarejo por espionaxes e outros conceptos máis noxentos. Preguntei por estes temas na sucursal e dixeron que eses gastos estaban así estipulados. Que cambiaran as condicións. E que oxalá houbese máis Villarejos, pois todo funcionaría mellor. Estábanme confirmando que grazas ao traballo de delincuentes, o banco chegara a onde chegou.

Mentres miña nai agonizaba no hospital descontábanlle, por mantemento de conta, 40 € cada trimestre. Unha vía máis no seu brazo por onde lle subtraían 160 € ao ano. Paralelamente, o director do BBVA –Carlos Torres– se embolsaba ao ano 8,29 millóns.

Seguro que na sociedade actual hai xente que ve Villarejo e Torres triunfadores e referentes a imitar. Tal vez deberiamos darlle outro enfoque. Que clase de vida levas se necesitas tantos cartos para vivila? Que triste debe ser necesitar 8,29 millóns ao ano para ser feliz. Que pobreza ter que roubar nas contas das persoas máis humildes para poder conseguilos.

Francisco Maceira (Ferrol)

Comentarios