Opinión

'Érase unha vez en Baleira', por Fátima Pérez Calderón

Podería empezar como un bonito conto: Érase unha vez nunha vila da provincia de Lugo chamada Baleira onde vivía unha nena...

Pero a realidade é outra ben distinta a un conto infantil, agás polo infantil, a historia é a dunha nena que sofre abuso sexual continuado e violacións sistemáticas na súa casa que chega mesmo, como resultado, a enxendrar e parir, que vai á escola, ao instituto, e que desde os sete anos até que interveñen os servizos sociais soporta unha tortura na súa contorna familiar.

Ninguén sospeitou nada.

O resultado é unha vida desfeita, tres malnacidos que son penados con tres anos de prisión e unha sanción irrisoria.

Baleiro, como adxectivo, significa que non contén nada.

Baleiras de xustiza estamos as mulleres, baleiras de protección as nenas, baleiras de igualdade, baleiras de amparo.

Cheas de indignación, cheas de aturar inxustizas, cheas de ser explotadas, cheas de ser sometidas, cheas de agresións, cheas de non ser cridas. As mulleres temos unha enchenta de carraxe, porque a vítima é unha nena, por ser nena.

O día 2 de febreiro, o Foro Feminista de Lugo estará diante da Audiencia Provincial, porque é un escándalo xudicial, porque o silencio é cómplice, porque hai un terrorismo xudicial, porque hai impunidade, porque as nenas están desprotexidas, porque non é un caso illado, porque a violencia machista é dun nivel insoportábel.

Fátima Pérez Calderón (Lugo)

Comentarios