Opinión

"O funcionamento de Renfe", por André Piñeiro González

Somos miles de usuarios os que nos desprazamos cada día en tren por razóns de traballo, estudos ou doutra índole. O correcto funcionamento dos servizos ferroviarios é esencial para a cidadanía no século XXI, unha cuestión que parece que non preocupa moito ás autoridades, xa sexa os gobernos ou os directos responsables, Renfe e Adif.

Xa desde antes da pandemia, o funcionamento do ferrocarril deixaba moito que desexar, con numerosos atrasos inxustificados ou non debidamente explicados, que afectaban os desprazamentos diarios dos viaxeiros. 

Xa sexa con gobernos do PP ou do PSOE, estes problemas subsisten e rematan por converterse nunha auténtica vergoña que ten consecuencias graves dentro do sector público. Por exemplo, o triunfalismo co que a Xunta de Galicia e o Goberno estatal recibiron a posta en marcha do AVE ata Galicia, non se corresponde coa realidade.

O certo é que ao longo da última semana, este tren sufriu retrasos prolongadísimos e case continuos, de máis dunha hora, prexudicando enormemente a todo aquel que tivese que volver á casa tras o traballo (parece que se obvia que non todos dispoñemos dun vehículo propio, nin temos por que).

O deixamento dos responsables administrativos e políticos e a progresiva privatización de servizos, abócannos a un panorama desalentador, agravado pola pasividade de boa parte dos afectados, que non reclaman de forma contundente a posta en marcha de mellores servizos de transporte público.

Xa resulta escandaloso o feche das oficinas de numerosas paradas, como Catoira, Pontecesures e Padrón (nas que, iso si, se instalaron rapidamente máquinas de autovenda), xunto coa redución do persoal das billeteiras e a supresión de numerosas frecuencias de tren, como para enriba soportar maiores neglixencias.

Urxe actuar canto antes para remediar esta situación, que de prolongarse no tempo, terá consecuencias aínda máis negativas para todos e que certamente supón un descrédito innegable para os responsables.

Comentarios