Opinión

'Retorno ao S. XIX', por André Piñeiro

Tras coñecer a noticia da legalización do traballo dos menores de 15 anos no estado de Iowa (EUA), non puiden evitar sentir unha gran preocupación. Á marxe do intenso debate interno que está a suscitar no país, esta decisión ten implicacións a nivel mundial.

Unha medida así evidencia a falta de ética dos grandes poderes económicos que controlan este mundo e que converten as forzas políticas e gobernamentais nos seus peóns e ante as que a maior parte da poboación parece pouco capaz de ofrecer resistencia, nun contexto de crise económica, social e ambiental galopante.

Parece que as conquistas de dereitos laborais e sindicais son cuestións caducas, propias dun pasado remoto que non interesa recuperar. O neoliberalismo converteuse no patrón polo que se miden a maioría dos aspectos relacionados coas nosas vidas e resulta unha provocación aprobar leis cun cariz tan retrógrado, que mesmo escandalizarían os liberais e conservadores de hai un século. Cal é o modelo cara ao que nos están a guiar as clases políticas e as elites empresariais? Non é admisible pensar que a única alternativa económica consiste en explotar os menores, expulsar os mozos do mercado laboral e atrasar a idade de xubilación, combinando tales proxectos coa falaz solución do recorte das pensións, mostrando un total desprezo cara ás persoas maiores que tanto contribuíron ás nosas sociedades.

Estes son os signos da cada vez máis evidente decadencia moral dun mundo no que se especula con todo, incluídas as nosas vidas, soños e esperanzas.

*por André Piñeiro (Santiago de Compostela)

Comentarios