Opinión

'Prepararse para o risco de novas pandemias', por Francisco Peña

No século XXI revelarase o gran poder dos virus sobre a humanidade, inevitablemente xurdirán novas pandemias. O cambio climático converterase no factor de risco determinante de aparición de enfermidades emerxentes, contribuíndo a que as pandemias sexan máis probables nun futuro próximo; pero os gobernantes ignoran os avisos da comunidade científica sobre a perda de biodiversidade e o cambio climático que nos van levar á nova era do pandemioceno.

Os seres humanos invadimos territorios alleos, quitámoslle o espazo aos animais salvaxes, extinguindo moitas destas especies, aumentando así o risco de infectar humanos e/ou animais domésticos; mentres que os virus, as bacterias e os parasitos vinculados a esas especies sobreviven a través de mutacións e acaban colonizando outra especie.

Ante esta situación, temos que estar preparados para afrontar a próxima pandemia, coa finalidade de minimizar o seu impacto sanitario, económico e social; e para iso é preciso ter plans de continxencia e actuación a nivel global, europeo, estatal, autonómico e local para responder con contundencia ante posibles situacións que poidan xurdir en calquera momento, o que implica destinar máis recursos ao sistema sanitario e á prevención, sendo imprescindible que haxa unidade de criterios e maior coordinación para afrontar unha emerxencia sanitaria.

O Poder Lexislativo ten que crear un novo marco xurídico, que debe apoiarse nas medidas preventivas que se deberán adoptar para preservar a saúde e a seguridade da cidadanía ante unha emerxencia sanitaria, xa que foi un auténtico despropósito a falta de unidade de criterios dos Tribunais Superiores de Xustiza das Comunidades Autónomas. Na miña opinión, os xuíces non deben intervir en cuestións que afecten á saúde pública, para iso están os expertos, e precisan estar apoiados nunha normativa legal que os protexa á hora de tomar decisións que beneficien os intereses da saúde dos cidadáns.

Agora é o momento de que os gobernos reforcen os sistemas de saúde, para facelos máis resilientes ante unha nova pandemia, ademais de apostar pola protección e conservación do medio ambiente. O éxito ou o fracaso dependerá do que sexamos capaces de facer a partir de agora. É hora de actuar ou o pagaremos caro.

Francisco Peña (Ponteareas)

(*) Científico, académico, experto en saúde ambiental e saúde pública. Académico Correspondente da Real Academia de Medicina de Galicia. Académico Correspondeente da Academia Andaluza de Ciencia Rexional. Socio Honorario da Sociedade Portuguesa de Saúde Ambiental. Fillo Predilecto de Ponteareas.

Comentarios